"El baile de las mareas", o debut literario de Laura Portas: "Sendo de Cambados tiña claro que tiña que haber mar, pazos e viño"

O Salnés
26 de maio 2024

Unha vida truncada pola traxedia. Un destino caprichoso. Unha vontade capaz de bailar ao son das mareas. Todo en Vila de Pazos, o 'alter-ego' de Cambados, a principios do século XX. Ese é o transfondo de El baile de las mareas, o debut literario da xornalista cambadesa Laura Portas

Laura Portas, con "El baile de las mareas" na man
Laura Portas, con "El baile de las mareas" na man / Mónica Patxot

Unha vida truncada pola traxedia. Un destino caprichoso. Unha vontade capaz de bailar ao son das mareas. Todo en Vila de Pazos, o 'alter-ego' de Cambados, a principios do século XX. Ese é o transfondo de El baile de las mareas, o debut literario de Laura Portas (Cambados, 1992).

"Nada mellor que as miñas raíces e o meu propio pobo", recoñece esta xornalista, curtida como reporteira nos informativos de Telecinco e Antena 3, para ambientar a súa primeira novela, a historia dunha mariscadora envolta nunha historia de amor, misterio e intereses cruzados.

Afirma que escribir sobre Cambados foi complicado porque "sabes que hai cousas que se van a analizar con máis detalle", pero móstrase moi orgullosa do resultado. Confía en que este sexa o inicio dunha longa carreira como escritora porque "o gocei moitísimo".

Esta novela rezuma a Cambados polos catro custados…

Pois se me dis iso, é que logrei o obxectivo que tiña en mente. Eu creo que representa moi ben o que é Cambados. Para min era moi importante. Sendo galega quería que a miña primeira novela tivese esa esencia atlántica. Quería tentar retratar o meu pobo nesta historia.

Custouche moito empezar a escribir esta historia?

Custoume moito, si. Sempre sentía que necesitaba documentarme máis. Nunca me vía preparada de todo porque pensaba que se me ía a escapar algo. Que me faltaba profundar máis para que a xente cando o lese dixese 'é así, está ben contado, non me renxe nada'.

E aínda máis cando se trata do teu pobo, non?

Foi un reto porque escribir sobre o teu propio pobo ten cousas moi bonitas, pero tamén é máis complicado. Sabes que hai cousas que se van a analizar con máis detalle. Ti sentes que tes esa responsabilidade de narralo tal cal, con total precisión para non decepcionar.

Moitos xornalistas, afeitos a contar historias, sempre din que sentar a escribir o seu primeiro libro lles custou. Que non se vían capaces. Foi o teu caso?

Eu diría que o que máis me custou foi o dicir empezo xa. Os xornalistas temos un xénero cunha estrutura moi marcada, temos uns tempos ou temos un formato. De súpeto, veste con total liberdade para abarcar unha historia e non sabes por onde empezar. Non tes límite nin tempo. Non tes ese cronómetro que está a soar na túa cabeza a todas horas.

E como chega a ti esta historia? Cal foi o punto de partida?

"Eu sentía que tiña que escribir sobre algo que me representase. E nada mellor que as miñas raíces e o meu propio pobo"

Vén por unha proposta para escribir sobre algo. Eu sentía que tiña que ser algo que me representase. E nada mellor que as miñas raíces e o meu propio pobo. A partir de aí empecei a atar cabos. Tiña moi claro que a protagonista tiña que ser mariscadora. Sendo de Cambados tiña que haber mar, pazos e viño. E o resultado foi El baile de las mareas.

Que foi o que atrapou de Aurora? Esa mariscadora que, por un motivo tráxico, ve como o seu mundo cambia radicalmente e se atopa cunha realidade que non é a súa

Eu partía da idea de que fora unha mariscadora, pero non tiña claro moito máis. Na miña mente imaxineina dunha maneira, pero acabei plasmando nela as historias que me contaron as mariscadoras. Deulle moita máis forza ao personaxe, fixo que fose máis potente. As mulleres do mar son mulleres fortes. Aurora adáptase moi ben ao que eu buscaba.

Un carácter forte e forzado polo seu traballo, pola súa relación especial co mar. E tamén polos naufraxios, non? Como no caso de Aurora…

A min impactoume moito cando unha mariscadora díxome que a súa nai sempre a levantaba pola noite e dicíalle que fora a darlle un bico ao seu pai, porque se lle pasaba algo no mar o último que ía ver era ese sorriso. Transmitiume ese sentimento de medo que elas tiñan cada vez que os seus maridos ían ao mar. Non sabían se ían volver. Quería poñer en valor o traballo desa xente. Creo que ás veces non se valora o suficiente.

Poderiamos dicir entón que a historia de Aurora é a historia de moitas mulleres?

É un compoñente que lle dá moita riqueza á historia. Ao final son historias reais que as narro en primeira persoa a través de Aurora. Son cousas que me contaba a xente de Cambados á que eu lle ía preguntando. Son historias que quedan plasmadas en papel. Se só van na fala da xente, ás veces chega un momento no que se perden moitas cousas. Logo entra a imaxinación. Como autor tamén gusta evadirte da realidade e deixar que os personaxes bailen un pouco, que sexan libres.

Aurora é o eixo central dunha historia cun gran transfondo social que deriva en traizóns, intrigas familiares… Por que crees que aos lectores lles gusta tanto este xénero? 

"Todos nos imos a sentir identificados con cousas que lle pasan a Aurora. Seguramente nalgún capítulo da nosa vida pasamos algo parecido"

Eu creo que todo o mundo se ve reflectido. Ao final, as traizóns están á orde do día. Eu creo que é a vida mesma. Todos nos imos a sentir identificados con cousas que lle pasan a Aurora. Seguramente nalgún capítulo da nosa vida pasamos algo parecido. Ten ese poder de sentirse representado. Eu tamén sufría con Aurora cando o estaba escribindo.

Para dar forma a esta novela, o proceso de documentación sería arduo. Como foi todo ese traballo previo?

Foron uns sete meses. Fíxome cambiar a visión da historia e a visión da propia Cambados. Aprendín a vela cos ollos das persoas que me estaban contando esas historias. Mesmo cousas de hai cen anos. Cada vez que volvía pasar polos lugares dos que me falaban recreaba esas imaxes. Iso foi moi bonito. A min achegoume moito.

E como é o feito de volver a casa cun libro debaixo do brazo?

Aínda o estou asimilando. Eu escribía entre catro paredes e agora te dás conta de que esta historia xa está nas mans de todos. Está a ser moi emocionante. Eu tiña moi claro que o libro se tiña que presentar en Cambados. É onde eu me sinto arroupada e onde creo que vai ilusionar máis tamén. A todos nos une ese sentimento de identidade.

Á parte do teu editor, a quen foi a primeira persoa á que lle ensinaches a novela?

Eu son moi reservada. Tiña unha caixa con dez libros aquí en Galicia e non deixei que a miña nai a abrise ata que cheguei eu a casa. Non quería que fora algo frío. Non o compartín practicamente con ninguén. Só lle ensinei algún capítulo á miña nai para ver se se entendía, se lle soaba ben. E grazas a ela cambiei cousas. Pero o resultado final van a coñecelo todos a partir de agora.

El baile de las mareas é o inicio dunha carreira como escritora? Gustaríache?

Oxalá. Foi un proceso de luces e sombras. Goceino moitísimo, pero ás veces non veñen as ideas. Pero foi algo tremendo ter esta oportunidade. Escribir foi como unha terapia. É algo que eu non fixera nunca. Encantaríame facer unha segunda novela. Xa teño algunhas ideas na cabeza, pero non só depende de min.