Pontevedra encara a recta final dos concertos deste agosto 2014 con motivo das Festas da Peregrina. Antonio Orozco poñerá o toque musical deste sábado de San Roque e Sés e El Consorcio encargaranse da noite do domingo, pero, antes, este venres, a praza de España viviu outro cheo e outro éxito. Neste caso, 'de anuncio' non só polo 'bo rolo' do que se encheu o recinto, senón polas cancións que soaron. No repertorio dos canarios de Efecto Pasillo teñen un peso importante melodías que se converteron en estrelas televisivas a través de anuncios publicitarios.
'Pan y Mantequilla', a canción do anuncio da cadea de supermercados Lidl 2014, e 'Hecho con tus Sueños', que compuxeron para o anuncio dos turróns Suchard 2013, son algunhas das que os fixeron máis coñecidos no panorama musical actual. Mesmo moitos dos asistentes descubriron estes mesmo venres quen está detrás dalgunha das músicas máis pegadizas dos dous últimos anos na radio e a televisión.
Efecto Pasillo encheu ata os topes a praza de España e a xente animouse a moverse ao ritmo das súas cancións de pop actual. A entrega alcanzou os seus momentos culmen con algunhas das súas pezas máis coñecidos, como 'No me importa que llueva' e 'Funketón'.
Este concerto enmárcase na xira 'Querido Tour', na que presentan 'El misterioso caso de Efecto Pasillo'. Os compoñentes do grupo, Iván Torres, Javier Moreno, Nauzet Barreto e Arturo Sosa, aproveitaron para presentar as súas novas cancións, pero tamén para facer un repaso pola súa carreira musical.