O Recinto Feiral de Pontevedra acolleu esta semana a duodécima edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación de Galicia. Como peche da programación deste venres, o stand de Fungatra apostou polo proxecto de Gallos del Norte como exemplo de emprendemento xuvenil.
O director desta plataforma galega de freestyle, Álvaro Pumares, foi o mestre de cerimonias dunha actividade que combinou unha charla sobre a súa experiencia como emprendedor cun show práctico musical de Sozat, O Pirata e Claudinho, membros de Gallos del Norte.
O director da plataforma, Pumares, fixo especial fincapé na importancia de que a xente nova persiga os seus obxectivos a pesar das dificultades que poidan atoparse polo camiño. Para exemplificalo, Pumares explicou que "deixei un traballo para dedicarme ao cento por cento a este proxecto. Persoas como Sozat, O Pirata ou Claudinho tamén queren que isto forme parte da súa vida a nivel laboral".
Na charla que tivo lugar antes do show, Pumares explicou en que consiste o seu proxecto, xa que o freestyle é unha vertente musical coñecida entre os mozos, pero descoñecida para parte da sociedade.
Unha vez terminada a explicación de Pumares, tivo lugar unha "batalla" de exhibición entre Sozat e O Pirata, ambos os freestylers e cantantes, e Claudinho como Speaker, rol que desempeña en todos os proxectos de Gallosdo Norte. Ao longo do show, os asistentes participaron activamente proporcionando estímulos aos artistas.
O feedback por parte do público e a organización foi outro dos aspectos que máis destaco o director da plataforma de freestyle: "Estamos moi contentos, a xente estivo de dez ao longo da hora e media que durou o noso evento".
Para pechar estas xornadas de Edugal, o equipo de Gallos del Norte quixo animar ao público presente explicando que "hai que loitar moitísimo, deberíase escoitar á xente nova e ás novas formas de comunicarse." En relación á súa plataforma de freestyle, Pumares destacou que "somos xente nova que está a sacar o seu proxecto adiante, cada vez chegamos a máis sitios. Hai que crer nun mesmo e buscar alternativas ao socialmente normativo". Desde a organización de Edugal afirmaron que esta actividade de Gallos del Norte foi un gran éxito.