Os Premios Feroz, como xa se anunciou previamente, non se limitarán á gala que acollerá o Recinto Feiral de Pontevedra o 25 de xaneiro de 2025. Durante todo o outono haberá unha ampla programación previa con actividades relacionadas co cinema e a televisión.
Todas elas convocarán na Boa Vila aos principais creadores de películas e series españolas que, entre outras incluirán, proxeccións ou conferencias cos que os Premios Feroz pretenden revalidar o seu carácter como punto de encontro do sector audiovisual.
"Este é o pistoletazo de saída para converternos na capital da cultura cinematográfica", destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que "estamos encantados" dunha programación "que agardamos sexa do agrado de todo o mundo".
Estas actividades comezarán en outubro cun ciclo de proxeccións de películas gañadoras e nomeadas aos Premios Feroz Arrebato nos dous últimos anos, destinados a obras recoñecidas polos seus especiais logros artísticos ou polas súas achegas innovadoras.
Así, o venres 4 de outubro, ás seis e media da tarde, exhibirase no Pazo da Cultura a películaLa Piedad, dirixida por Eduardo Casanova e protagonizada por Ángela Molina, gañadora en 2023 do Premio Feroz Arrebato de ficción.
A sala de cinema da Facultade de Comunicación será o escenario que acolla as outras tres proxeccións, que tamén serán ás 18:30 horas.
Samsara de Lois Patiño, candidata ao Premio Feroz Arrebato de Non Ficción en 2024 e que se alzou co Premio Especial do Xurado no Festival de Berlín en 2023, será a proposta para o mércores 16 de outubro, en colaboración co festival Novos Cinemas.
O mércores 23 de outubro será a quenda de Sobre todo de noche de Víctor Iriarte, unha película protagonizada por Lola Dueñas e Ana Torrent e que, na edición de 2024, foi o filme gañador do Premio Feroz Arrebato de Ficción.
As proxeccións de outubro concluirán o mércores 30 con Teresa de Paula Ortiz, baseada nun texto de Juan Mayorga que aborda a figura da relixiosa como unha arma subversiva, encarnada en Blanca Portillo. Foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de Ficción en 2024.
En todos os casos, os respectivos directores e directoras destas películas acudirán a Pontevedra a presentar estes traballos e manterán un coloquio co público.
As entradas a todas as sesións son gratuítas previa retirada de localidades na oficina de turismo situada na Avenida de Montero Ríos desde sete días antes de cada actividade e ata completar o aforo. Cada persoa poderá retirar un máximo de 4 entradas.
Así o detallou Laura Seoane, coproductora executiva dos Feroz 2025, que reiterou que estes premios "non son só unha gala, que é un día e ten moito foco", senón que "son moito máis", ao tentar que a cultura audiovisual "chegue á xente".
"Queremos que as persoas que están detrás desta industria teña contacto coa cidadanía e poidan compartir o seu coñecemento con eles", sostivo a responsable dos premios.
Esta programación continuará en novembro con propostas relacionadas co 25N, nas que a temática estea relacionada co feminismo ou os seus protagonistas sexan mulleres. Xa en decembro e xaneiro, tras anunciarse os nomeamentos aos Feroz 2025 proxectaranse algunhas das películas e series con opcións de facerse cunha figura na gala do 25 de xaneiro.
Ademais, haberá un ciclo retrospectivo especial dedicado á personalidade que sexa distinguida co Feroz de Honra nesta duodécima edición dos premios, que tamén dará unha clase maxistral en Pontevedra.
"Empezamos agora e xa non paramos ata o día da gala", sentenciou a coproductora executiva dos Feroz 2025.