Eduardo Casanova, cos Feroz en Pontevedra: "Son capaz de poñerme máis verde do que me pon a xente"

Pontevedra
05 de outubro 2024
Actualizado: 08 de outubro

O director, guionista e actor Eduardo Casanova foi o primeiro protagonista do ciclo de actividades previas que os Premios Feroz organizarán en Pontevedra os próximos meses. Nun Pazo da Cultura ateigado de público presentou La piedad, a película que lle deu en 2023 o Arrebato de Ficción na gala destes premios

Eduardo Casanova, en Pontevedra
Eduardo Casanova, en Pontevedra / Mónica Patxot

En apenas dous meses, o próximo 29 de novembro en Filmin, Eduardo Casanova (Madrid, 1991) estreará a súa terceira película como director. Al margen, a súa primeira incursión no xénero documental, axudouno a ter "moitísimo menos medo á vida e á realidade".

Tras Pieles e La piedad, Casanova regresa a detrás das cámaras para mostrar a historia de Moisés, un home que en 2010 se queimou ao bonzo en pleno centro de Madrid, desvelando as razóns que o levaron a un acto tan extremo e que, ata o de agora, nunca se contaran.

O director relata a PontevedraViva que coñeceu a Moisés hai máis dunha década no metro de Madrid. Pediulle o teléfono "pero non me atrevín a falar con el". Anos máis tarde empezou a interesarse pola súa historia. "Cando me contou o que lle pasaba foi como unha puñada en toda a boca", lembra.

"Cando me recuperei deime conta de que aí estaba a historia máis impresionante que eu podía contar", apunta o realizador madrileño. Foron seis anos de traballo case en segredo, seguindo a historia do protagonista do documental de maneira cronolóxica.

Al margen é, ademais, unha película que fala das persoas que viven á marxe da sociedade e que "se relacionan dunha forma diferente", polo que "había que ser moi coidadoso" á hora de abordar as súas historias, algo que recoñece que foi "complicado".

Con esta película "eu o único que me dediquei é a observar e a escoitar", algo do que se sente moi orgulloso porque "a min antes custábame moito deixar falar, estaba demasiado aparvado co que eu dicía". Agora, afirma, "aprendín a escoitar e a recibir do outro".

"Foi moi incrible para min e tamén moi enriquecedor para a película", destaca Casanova, que engade que, sobre todo, "creo que é unha historia que era necesario poñer no centro porque a saúde mental e o suicidio son temas moi complexos e que me interesan moito".

Aínda así, Eduardo Casanova recoñece que empezou a rodar a película "cunhas expectativas moi baixas" porque cría que "non tiña o valor para mostrarme tan natural e tan aberto ao público".

Non estaba afeito a revelar unha imaxe "que non estivese controlada e perfectamente talonada", sen un decorado, sen vestiario e, sobre todo, sen un guion escrito por el. "A min é moi difícil coartarme a liberdade, pero teño un grandísimo censor que son eu mesmo", admite.

Pero ver a historia completa, segundo Casanova, cambiou a forma na que se enfronta á vida e, en especial, ao seu traballo detrás das cámaras. Tanto que se mostra convencido de que "non creo que o meu cine vaia a ser igual despois desta película".

"Fíxome reconciliarme con poder darme máis liberdade, con aprender a fluír e darme conta de calquera historia real é máis rocambolesca que calquera ficción", asegura o director, xa que "eu non controlei o que sucede e iso fíxome relaxarme moito". 

Tras rodar este documental está seguro de que, no momento que non teña ideas, "sei que podo saír á rúa cunha cámara e vounas a atopar", algo que lle axuda a vivir "moito máis tranquilo e moito máis a gusto" cunha vida real na que non sempre pareceu encaixar.

La piedad,, a película que abriu este venres en Pontevedra o ciclo de actividades previas aos Premios Feroz 2025, "fala dun mozo encerrado nunha preciosa gaiola de cristal e que trata de saír dela e eu sentinme como ese mozo, ou mesmo como a súa nai".

Despois de rodar Al margen, subliña que "síntome completamente fóra desa gaiola e teño moitísimo menos medo á vida e á realidade". Tampouco lle importan as críticas porque, entre risas, advirte que "son capaz de poñerme máis verde do que me pon a xente".

"Xa me flaxelo eu suficiente. Sempre fun moi crítico comigo mesmo. Pero agora son feliz", celebra Eduardo Casanova, centrado actualmente no seu traballo como director e guionista e que, por agora, decidiu aparcar a súa faceta como actor.

A ela tan só volveu en contadas ocasións, "algunha vez por diñeiro", nos últimos anos pero "sobre todo por amizade" con Manolo Caro, con quen colaborou en varios episodios de La casa de las flores ou Alguien tiene que morir, porque, segundo afirma, "o meu non foi nunca actuar".

"Eu non me sinto actor, o cal non quere dicir que non vaia a volver facelo, porque a vida ten propia vida e nunca se sabe o que vai pasar", sentenza o realizador madrileño, que se mostrou feliz de regresar a unha Pontevedra que xa visitara cando, sendo moi pequeno, "fixen El Principito e recorrín todas as cidades de España".