Editan un "Manual de boas prácticas en Arqueoloxía" para axudar á xestión sostible do patrimonio

Pontevedra
17 de abril 2022

O documento xurde co obxectivo de dar a coñecer o valor do patrimonio arqueolóxico como recurso turístico para a comunidade local. Tamén inclúe os procedementos habituais para xestionar as intervencións arqueolóxicas e introduce recomendacións para a súa salvagarda e conservación

Traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Lanzada
Traballos de escavación no xacemento arqueolóxico da Lanzada / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos no marco do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 coa edición dunha novidosa publicación dirixida aos concellos e persoal técnico local para a xestión sostible do patrimonio arqueolóxico dende a perspectiva municipal. 

Con "Manual de Boas Prácticas en Arqueoloxía", xa distribuído entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, a institución provincial pretende dar a coñecer o valor do patrimonio arqueolóxico como recurso turístico para a comunidade local así como achegar información útil para xestionar as intervencións arqueolóxicas, salvagardalas e conservalas.

Trátase dun compendio de normas básicas, definicións, procedementos e recomendacións destinadas ás persoas que xestionan o patrimonio arqueolóxico local. Achega información para protexer, conservar, poñer en valor e divulgar o patrimonio na provincia de Pontevedra, así como transmite os principios, leis estatais e autonómicas e nocións asociadas á xestión do patrimonio arqueolóxico desde a perspectiva local. Tamén afonda nos tipos de bens arqueolóxicos existentes, nos instrumentos para a súa protección e xestión, nos plans urbanísticos dos concellos, na catalogación do patrimonio, na conservación e na planificación das intervencións.

Neste ámbito, inclúe cuestións relativas aos procedementos xurídico-administrativos para realizar unha intervención arqueolóxica, modelos de proxectos de intervención e pasos a seguir durante o proceso, dende a autorización por parte da Xunta ata a propia intervención, o tratamento dos materiais, a memoria, o depósito de materiais ou a difusión e explotación educativa, cultural e turística.

O turismo arqueolóxico ten un grande potencial na provincia de Pontevedra e cada vez se realizan máis desprazamentos motivados polo patrimonio cultural. Trátase dunha actividade que contribúe ao desenvolvemento económico e social de sectores como a hostalería, o turismo ou o transporte e, de maneira indirecta, ao comercio e a gastronomía. Para a Deputación de Pontevedra é fundamental fomentar este tipo de turismo que contribúe a desestacionalizar o turismo e ten implicacións tanto no desenvolvemento económico como na conservación do patrimonio como obxecto de consumo.