Virxilio da Silva Quinteto puxo fin a seis días do mellor jazz e blues a nivel internacional. Entre o martes 14 e este domingo 19, a 23 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra ofreceu unha programación de seis concertos gratuítos nas prazas do Teucro e A Ferrería que tivo como broche de ouro un son con pasaporte galego que volveu encher as butacas instaladas polo Concello e a organización ao aire libre.
A pesar de que a chuvia ameazou con augar a cita musical, non conseguiu deslucir o espectáculo de Virxilio da Silva, o máis local de todos os que se ofertaban no programa. O guitarrista comezou a súa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e neste concerto presentará os seus últimos traballos, froito da experimentación, con influencias do rock máis psicodélico e ácido de finais dos 70's, o jazz, o pop avant-garde máis experimental, o noise e o stoner rock.
A Da Silva acompañáronlle sobre o escenario Joris Roelofs (saxo alto e clarinete baixo), Yago Vázquez (piano e fender Rhodes), Felix Barth (baixo) e Mark Schilders (batería). O quinteto ofreceu aos espectadores unha música que ten como máxima a busca da liberdade máis alá da súa clasificación nun xénero determinado e que aspira, por riba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva.
Na praza do Teucro ofreceron as súas propostas musicais o guitarrista vigués Felipe Villar Quartet e o pianista Nani García Trío. Polo escenario da Ferrería pasaron, ademais de Virxilio da Silva Quinteto, a cantante de blues e soul Janiva Magness, a percusionista Terri Lyne Carrington e a cantante e compositora de Texas Ruthie Foster. Ao mesmo tempo desenvolvéronse Jam Sessions na Gramola. Houbo tamén Jazz pola Rúa e Pontejazz Workshop no antigo Conservatorio.