Con tan só 16 anos, o cantante gaditano Abraham Mateo é capaz de causar mareos e de provocar a histeria de miles de fans. Así o demostrou durante a noite deste luns 10 no terceiro concerto da Semana Grande das Festas da Peregrina.
O mozo ofreceu o mellor da súa carreira artística coa presentación do seu segundo traballo, 'Who I Am', que xa obtivo o Disco de Platino en España. O seu espectáculo foi unha demostración de diversas coreografías con bailes que causaban entusiasmo entre os seguidores deste compositor, cantante, bailarín e actor.
Durante as últimas 24 horas antes do concerto, un grupo de mozos, procedentes de diferentes puntos da península, gardaran sitio ante o escenario da Praza de España co obxectivo de situarse o máis preto posible do artista. Dende o Concello facilitóuselles auga para que os fans non sufrisen deshidratación ante as altas temperaturas que se rexistraron durante o luns. Unha vez que Abraham Mateo saltou ao escenario, o cansazo da espera transformouse nun alboroto de berros de entusiasmo ante a presenza do ídolo xuvenil.
Na noite deste martes 11, o mesmo escenario será ocupado por Macaco, un dos artistas latinos máis influentes na escena musical. Este cantante ofrece unha mestura de reggae, rumba e diferentes sons latinos mesturados con pop. O concerto comezará ás 22.30 horas e a entrada é gratuíta.