O dúo formado polo violinista Marat Bisengaliev e o pianista Daniel del Pino actuará este luns 24 de abril no Teatro Principal nun concerto organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra para os seus socios.
Neste concerto previsto a partir das 20.00 horas o dúo Marat - Del Pino ofrecerá obras de Brahms, Richard Strauss e Elgar, segundo informou a Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
O violinista Marat Bisengaliev é tamén un destacado director de orquestra e desde 2006 é director artístico da Orquestra Sinfónica da India.
Fundou en 1989 a Orquestra de Cámara de Kazajistán, e en 2003 a West Kazakhstan Philharmonic Orchestra. En 1991 estableceuse en Inglaterra e desde o seu debut coa Royal Philharmonic Orchestra actuou coa maioría das grandes orquestras do mundo e en salas como Carnegie Hall e Lincoln Center, de Nova York; Kennedy Center de Washington; Royal Albert Hall, Barbican e Wigmore Hall, de Londres; Bridgewater Hall de Manchester; e na Sala de Concertos da Cidade Prohibida de Beijing.
Daniel del Pino, considerado un dos pianistas españois de maior relevancia internacional, na actualidade é profesor en Musikene (Conservatorio Superior de Música do País Vasco).
Deu concertos nos cinco continentes, colaborando como solista coas Orquestras Sinfónicas de RTVE, Clásica de España, Sevilla, Galicia, Castela-León, Valencia, Málaga, Murcia, Córdoba, George Enescu de Bucarest, Estatal de Transilvania, Monterrey, Santa Cruz, Garland, New Arlington, Orquestra de Cámara Reina Sofía, Solisti dei Praga e Orchestra da Camara d'Umbria, entre outras.