O Cineclube retoma en febreiro as sesións en colaboración coa Filmoteca de Galicia con dous títulos esenciais de Yasujiro Ozu, rodados en cor na década dos cincuenta, que se proxectarán os luns 3 e 17.
Pola súa banda, as sesións dos martes ofrecerán títulos de actualidade, entre os que destaca o Oscar á mellor longametraxe de animación do 2023: O rapaz e a garza, do mestre xaponés Hayao Miyazaki.
Proxectarase tamén a surrealista homenaxe do francés Quentin Dupieux a Salvador Dalí, o radicalísimo último traballo do romanés Radu Jude (premio especial do xurado en Locarno 2023) e a gañadora do Oso de Prata en Berlín e mellor filme en Sitges 2024: a austríaca O baño do diablo, de Severin Fiala & Veronika Franz.
As proxeccións de febreiro serán as seguintes:
LUNS 3 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'FLORES DE EQUINOCCIO', de Yasujiro Ozu, 1958, 119 min., VOSE
O primeiro filme rodado en cor por Yasujiro Ozu é unha comedia irónica sobre as consecuencias dun conflito xeracional, que remarca a hipocrisía da clase media-alta no Xapón de finais dos 50.

MARTES 4 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'O RAPAZ E A GARZA', de Hayao Miyazaki, 2023, 124 min., VOSE
Toquio, Segunda Guerra Mundial. Mahito é un rapaz de 11 anos que se traslada ao campo co seu pai logo de morrer a súa nai nun incendio. Alí descobre unha misteriosa torre construída polo seu tío avó, que resulta ser a porta de acceso a un mundo máxico onde a morte chega ao seu fin e a vida atopa un novo comezo.
MARTES 11 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'DAAAAAALÍ!' Quentin Dupieux, 2023, 79 min., VOSE
Os diversos intentos frustrados dunha xornalista francesa para entrevistar a Salvador Dalí e levar a cabo un proxecto documental sobre el son a base desta comedia delirante na que o director francés Quentin Dupieux, lonxe dos códigos do biopic, explora o excéntrico universo de Dalí e a narcisista relación do xenio surrealista coa súa propia imaxe e cos medios de comunicación.
LUNS 17 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'A HERBA ERRANTE', de Yasujiro Ozu, 1959, Xapón, 119 min., VOSE
Unha compañía de teatro itinerante chega a unha vila costeira do sur de Xapón. O seu propietario e actor principal, Komajuro, visita a súa antiga amante, Oyoshi, que rexenta un pequeno restaurante na poboación, e o seu fillo ilexítimo, Kiyoshi, que traballa na oficina de correos coa idea de aforrar para os seus estudos universitarios. Kiyoshi cre que Komajuro é o seu tío e á actual moza de Komajuro, a actriz principal da compañía, non lle fai ningunha graza o seu encontro con Oyoshi.
MARTES 18 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'NON ESPERES DEMASIADO DA FIN DO MUNDO', de Radu Jude, 2023, Romanía, 163 min., VOSE
Sátira irreverente sobre a sociedade contemporánea, o capitalismo, os medios de comunicación e a publicidade protagonizada por Angela, axudante de produción audiovisual que conduce por Bucarest durante unha extenuante e inhumana xornada laboral á procura de posibles protagonistas para un anuncio corporativo de prevención de riscos laborais. De casa en casa, entrevista persoas que sufriron accidentes e divírtese de cando en vez facendo viral o seu avatar bigotudo e malfalado.
MARTES 25 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL 'O BAÑO DO DIAÑO', de Severin Fiala e Veronika Franz, 2024, Austria, 121 min., VOSE
Austria, século XVIII. No alto dun outeiro, unha muller foi executada e exposta á vista de todos tras matar o seu bebé. No lugar vive Agnes, unha moza relixiosa e moi sensible que casa co seu amado Wolf e se prepara candidamente para a vida matrimonial. Mais axiña a súa cabeza e o seu corazón comezan a sentírense pesados e día tras día Agnes vese cada vez máis atrapada nun camiño turbio e solitario.