Dúas exposicións e dous obradoiros na biblioteca de Pontevedra para o Día das Letras Galegas de Xela Arias

Pontevedra
23 de marzo 2021

Estes actos forman parte da programación deseñada en Galicia para este Día das Letras Galegas, que terán o seu acto central en Vigo, cidade na que Xela Arias -nada en Sarria (Lugo) en 1962- residiu desde que tiña 7 anos e na que faleceu en 2003

Presentación da programación do Día das Letras Galegas
Presentación da programación do Día das Letras Galegas / Xunta de Galicia

Xela Arias, a autora á que a Real Academia Galega dedicará este 2021 o Día das Letras Galegas, estivo moi vinculada á cidade de Pontevedra. Nela, durante varios anos, exerceu o seu labor como docente. Foi no instituto Valle Inclán.

Por iso, en Pontevedra tamén haberá numerosas actividades para homenaxeala. Iso si, para facilitar a asistencia de toda a cidadanía non serán no centro educativo no que impartiu clase. Será a Biblioteca Pública Antonio Odriozola a que acollerá todos estes actos.

Así, entre os días 14 e 30 de maio, a biblioteca organizará dúas exposicións.

Unha delas, titulada Letras Miudiñas, mostrará as obras e biografías dos autores homenaxeados polo Día das Letras Galegas; mentres que Xela Arias: renovación e sensibilidade, incidirá nas facetas como tradutora e escritora da autora.

Ademais, haberá o obradoiro infantil de creación literaria Xogando coas Letras Galegas, o día 14; e o contacontos ilustrado e musical Coñecendo a Xela Arias, a cargo de Polo Correo do Vento o día 21, no que se inclúe un obradoiro de debuxo para elaborar unha caricatura da poeta. 

Estes actos forman parte da programación deseñada en Galicia para este Día das Letras Galegas, que terán o seu acto central en Vigo, cidade na que Xela Arias -nada en Sarria (Lugo) en 1962- residiu desde que tiña 7 anos e na que faleceu en 2003.