Dous recitais atraen a Pontevedra o obradoiro de tradución poética 'Con barqueira e remador'

Pontevedra
30 de setembro 2024

O primeiro evento terá lugar o mércores 2 de outubro ás 19.30 horas na libraría Metáfora. O segundo recital será o venres 4 de outubro ás 12.00 horas no Teatro Principal. Ámbolos con entrada libre

Illa de San Simón onde se desenvolve o Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira é remador’
Illa de San Simón onde se desenvolve o Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira é remador’ / Concello de Pontevedra

O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ volve a Pontevedra con motivo da súa décimo terceira edición, ofrecendo dous recitais nos que o público poderá gozar de poesía traducida de diversas linguas.

O primeiro evento terá lugar o mércores 2 de outubro ás 19.30 horas na libraría Metáfora, con entrada libre ata completar a capacidade do establecemento.

O segundo recital será o venres 4 de outubro ás 12.00 horas no Teatro Principal, especialmente dirixido aos clubs de lectura e estudantes de institutos da cidade, pero aberto tamén ao público xeral.

O obradoiro, que se celebra entre o 30 de setembro e o 5 de outubro na Illa de San Simón, en Redondela, reúne seis poetas de diversas partes do mundo, desde os Balcáns a Latinoamérica.

Este ano, os participantes son Radu Vancu (Romanía), Martí Sales (Cataluña), Andrea Cote (Colombia), Nadia Mifsud (Malta), Petar Matović (Serbia) e o galego Jesús Castro Yáñez.

A coordinación do evento corre a cargo da recoñecida poeta Yolanda Castaño.

Os recitais ofrecerán unha oportunidade única de escoitar poesía nas linguas orixinais dos autores, seguida das traducións ao galego realizadas para a ocasión.