Castelao será a referencia para os dous obradoiros de linogravado que o Museo de Pontevedra organizará nas próxima semanas. Será un para nenas e nenos de 9 a 15 anos en Semana Santa e outro para persoas adultas durante a primeira semana de abril.
As persoas participantes introduciranse nesta técnica de estampación. Estarán impartidos por Nelson Gómez Callejas e Pilar Delmas Filgueira e nel farase unha introdución ás características desta técnica artística.
Tamén se explicará a súa importancia en Pontevedra, onde foi introducida por Castelao, logo da súa viaxe por Europa en 1921, e a súa continuidade na cidade grazas a Luis Pintos Fonseca e ás ilustracións das revistas Cristal e Spes.
Durante o obradoiro, os participantes coñecerán a técnica do linóleo e a obra de Castelao baseada nesta técnica e a doutros artistas que se inspiraron no artista de Rianxo.
Ademais, aprenderán a facer rexistros, seguindo os pasos das litografías, achegaranse ao mundo da caligrafía e realizarán os seus propios gravados con linóleo que estamparán en papel ecolóxico e nunha bolsa de tea ecolóxica.
O primeiro obradoiro é o que está dirixido a nenas e nenos de 9 a 15 anos, que se desenvolverá durante as mañás do luns, martes e mércores de Semana Santa (25, 26 e 27 de marzo, de 11:30 a 13:30 horas). Haberá 15 prazas dispoñibles que se adxudicarán por orde de inscrición.
A inscrición ao obradoiro infantil abre este martes 5 de marzo ás 9:00 horas e pode formularse a través do correo electrónico [email protected].
A semana seguinte, os días 1, 2, 3 e 4 de abril de 17:00 a 19:30 horas, será o obradoiro para os adultos. Tamén haberá 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a partir do martes 12 de marzo ás 9:00 horas a ese mesmo correo electrónico.