Despois de dous anos de obras a Biblioteca de Bueu reabre as súas portas

Bueu
23 de outubro 2024

"O traxe novo do rei" de Tarabelos Teatro é a obra da que se poderá gozar na recén estreada biblioteca a partir das 17.30 horas deste xoves

Biblioteca municipal Torrente Ballester, de Bueu
Biblioteca municipal Torrente Ballester, de Bueu / Concello de Bueu

A Biblioteca Municipal Torrente Ballester reabriu esta semana as súas portas logo de máis de dous anos de obras

Foi para unha ampliación valorada en máis dun millón de euros, e que supón unha mellora na prestación de servizos para a cidadanía.

Este xoves acollerá ás 17.30 horas a obra de títeres "O traxe novo do rei" de Tarabelos Teatro, coa que se celebrará o Día das Bibliotecas.

A biblioteca, sita no Parque Ramal dos Galos, está funcionando de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas, tanto para o préstamo de libros como para as salas de estudo.

O traslado fíxose cunha empresa de mudanzas a pasada semana, tanto dende a sala superior do Centro Social do Mar, onde estaba funcionando a biblioteca de xeito provisional, como dende a piscina, onde se almacenaban a maioría dos libros.

Dende a Concellaría de Cultura convídase a todas as persoas a coñecer as novas instalacións e a facer uso delas.

Ademais dos servizos habituais, cóntase cunha sala para ler a prensa ou gozar dunha tranquila lectura, á que se suma o espazo infantil/xuvenil onde os máis pequenos entrarán en contacto cos libros de xeito cómodo e divertido.

Así mesmo, co fin de mellorar os espazos, o Concello ten elaborado un proxecto de modernización do mobiliario para adaptar a biblioteca ás demandas dos últimos anos. A proposta, pendente de financiamento e licitación, ascende a 200.000 euros e inclúe tamén o equipamento audiovisual.