Domingos do Principal regresa o 20 de outubro con cinco espectáculos para "rir e mesmo chorar"

Pontevedra
16 de setembro 2024

As entradas e abonos xa están á venda en Ataquilla.com para o ciclo que se desenvolverá entre o 20 de outubro e o 17 de novembro durante os domingos en dobre sesión

'Crisálida', de Caramuxo Teatro
'Crisálida', de Caramuxo Teatro / Caramuxo Teatro

Este luns presentábase a nova edición do ciclo de teatro familiar Domingos do Principal, que se desenvolverá entre o 20 de outubro e o 17 de novembro.

O acto contou coa presenza de Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura de Pontevedra, e de Xacobe Rodríguez, integrante da compañía Teatro Akatro, encargada da organización do ciclo.

Demetrio Gómez destacou a gran calidade desta edición, que cualificou de "imposible sen o traballo de Xacobe e Tereixa de Teatro Akatro".

Gómez Xunqueira tamén subliñou que o ciclo, que contará con obras andaluzas, catalás e galegas, está pensado para crianzas a partir de 4 anos, pero tamén está aberto a todo tipo de público ao que lle guste o teatro.

"Queremos seguir creando novos públicos", engadiu o concelleiro, quen tamén mencionou que haberá tres funcións específicas concertadas con centros escolares.

Xacobe Rodríguez afondou no proceso de selección das obras, sinalando que "escolleron o mellor do teatro en todo o Estado", e que os espectáculos deste ciclo familiar teñen unha calidade comparable á do ciclo Ponteatro, orientado ao público adulto.

Tamén destacou que os espectáculos teñen diferentes niveis de lectura, o que permite que tanto os máis pequenos como os adultos poidan gozar por igual: "Haberá obras onde os nenos sairán encantados e os maiores poderán rir ou mesmo chorar".

PROGRAMACIÓN

  • 20 de outubro: A compañía LaSal regresa con 'En un rincón del mundo', unha obra que mestura teatro de actor cunha escenografía espectacular.

A peza, que conta con seis nominacións aos Premios Lorca de Andalucía, narra a historia de tres nenos perdidos nun bosque e aborda temas de superación e convivencia. Está dirixida a público a partir de 7 anos.

  • 27 de outubro: Culturactiva presenta 'Castelao. Daniel no peirao', un espectáculo sobre a infancia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, a obra conta cun elenco feminino, encabezado por Mónica Camaño e Cris Collazo. A peza é apta para nenos a partir de 6 anos.

  • 3 de novembro: A andaluza La Maquiné, coñecida polos seus espectáculos dirixidos á infancia e xuventude, trae a peza 'Estación Paraíso', onde unha monicrequeira vella rememora a súa vida mentres agarda nunha estación de tren.

Esta obra multipremiada está destinada a público de todas as idades.

  • 10 de novembro: A compañía Eléctrico 28, formada por artistas cataláns e austríacos, presenta unha fábula contemporánea sobre a convivencia titulada 'Full House', onde o teatro físico e a música en directo protagonizan unha historia.

A obra está recomendada para menores a partir de 4 anos, aínda que tamén conta con capas para un público adulto.

  • 17 de novembro: Caramuxo Teatro, unha compañía da Coruña con 20 anos de traxectoria, pechará o ciclo con 'Crisálida', peza de teatro de máscaras, sen palabras, que aborda a historia dunha mercería real con toda a súa traxectoria.

A obra fai un retrato emocional sobre o cambio nas cidades e está recomendada para nenos a partir de 6 anos.

As entradas anticipadas xa están dispoñibles en Ataquilla.com.

Os abonos matinais ou de tarde para as 5 funcións a un prezo de 15 euros e as entradas soltas para cada unha delas a un prezo de 4 euros.

De non esgotarse na venda anticipada, estarán á venda unha hora antes do comezo de cada pase na billeteira do Teatro Principal. Os pases concertados con centros escolares de Primaria está previsto que se faga un envío das propostas a través do correo electrónico habitual, terán un custo de 2,5 euros.

As funcións dominicais serán ás 12.00 e ás 18.30 horas.