'Domingos do Principal' cumpre 15 anos e celébrao cunha programación "diversa e innovadora"

Pontevedra
09 de xaneiro 2014

Nesta ocasión serán sete os espectáculos que formarán parte dun ciclo que se estenderá do 19 de xaneiro ao 9 de marzo, cunha única pausa, o 2 de marzo ao coincidir co entroido. Todos eles representaranse, como vén sendo habitual, no Teatro Principal en dobre sesión, ás 12.00 e ás 18.30 horas. Haberá ademais sesións concertadas para os centros escolares os luns pola mañá

Presentación da XV edición do ciclo de teatro infantil "Domingos do Principal"
Presentación da XV edición do ciclo de teatro infantil "Domingos do Principal" / PontevedraViva

Quince anos ten o meu amor, rezaba a canción do Dúo Dinámico. E quince anos cumpre tamén a 'nena bonita' da programación anual do Pazo da Cultura. Domingos do Principal, o ciclo de teatro infantil e familiar promovido polo Concello de Pontevedra, regresa un ano máis para achegar aos máis pequenos da casa ás artes escénicas. Faino cun amplo repertorio de obras pertencentes a compañías de todo o territorio nacional.

Nesta ocasión serán sete os espectáculos que formarán parte dun ciclo que se estenderá do 19 de xaneiro ao 9 de marzo, cunha única pausa, o 2 de marzo ao coincidir co entroido. Todos eles representaranse, como vén sendo habitual, no Teatro Principal en dobre sesión, ás 12.00 e ás 18.30 horas. Haberá ademais sesións concertadas para os centros escolares os luns pola mañá.

Na súa presentación, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, destacou que Domingos do Principal é un programa "clásico e moi agardado" en Pontevedra, algo que tamén sinalou Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, coordinador do ciclo. Apostan de novo por espectáculos diversos e innovadores "non só teatro de actores ou títeres", xa que sinalou que "tratamos de abarcar todos os xéneros para achegar aos rapaces a todos eles".

As sete funcións de Domingos do Principal son as seguintes:

  • Domingo 19 de xaneiro: Una niña, da compañía La Rous (Andalucía)

ÿ un espectáculo mudo, representado por unha soa actriz. "ÿ sorprendente e engancha moito aos rapaces", segundo Xacobe Rodríguez. Conta a historia dunha muller que se atopa cunha nena dentro dunha botella. Tras arroxala ao mar, arrepíntese e decide ir buscala, primeiro nun barco de papel e despois no fondo do mar. A función desta compañía, Premio Nacional de Artes Escénicas, está recomendado para nenos a partir de cinco anos.

  • Domingo 26 de xaneiro: Xango, de Talía Teatro (Galicia)

Trátase dunha mestura de teatro de actor, consinto e clown "que aborda un tema moi actual", segundo os organizadores do ciclo. Narra a extraordinaria historia dun home engullido pola súa propia tablet, dentro da que vive numerosas aventuras e afronta terribles perigos. Con esta obra a compañía galega trata de que os nenos reflexionen sobre os usos e abusos do mundo cibernético. Está recomendada a partir de sete anos.

  • Domingo 2 de febreiro: La gran A...ventura, de Marcel Gross (Cataluña)

O clown catalán Marcel Gross celebra o seu 30 aniversario sobre os escenarios con esta función na que un A maiúsculo domina a escena, a partir do cal o protagonista emprenderá unha viaxe chea de divertidas aventuras. Recomendado a partir de tres anos.

  • Domingo 9 de febreiro: Aurora, de Elefante Elegante (Galicia)

Unha proposta "innovadora" que mestura videocreacións e teatro de actor, creando "un universo máxico, cómico e misterioso". ÿ a historia do encontro dun aviador coa raíña das curuxas, á que lle gusta máis a noite que o día. Cando escurece séntese mellor que nunca, voa dun lado a outro, axita as ás e asubia, pero ao amencer énchese de tristeza, o sol queima a súa pel e cega os seus ollos. Está recomendado para nenos a partir dos tres anos.

  • Domingo 16 de febreiro: Clinc, de Pep Bou (Cataluña)

Clinc é o ruído que fai unha burbulla de xabón ao estourar, ao bater con outra ou ao rebotar. Busca amosar o cambio de actitude que teñen as persoas cando deixan de ver a vida de forma pesimista, cando deciden contemplar a beleza da súa contorna e empezar a cooperar en lugar de vivir de forma illada. Recomendado a partir de catro anos.

  • Domingo 23 de febreiro: Jardín en el aire, de Da.Te Danza (Andalucía)

ÿ a aposta deste ano pola danza contemporánea. Nela, dous personaxes vense arrastrados por unha onda xigante e chegan a un lugar estraño que os afasta de toda a súa vida ata agora. Alí atópanse cunha serie de seres descoñecidos que lles tenden a súa man. Está recomendado para nenos desde os cinco anos.

  • Domingo 9 de marzo: La isla desconocida, de Markeliñe (Euskadi)

O ciclo péchase con esta obra, que adapta un relato curto de José Saramago. Cunha posta en escena "sorprendente e innovadora", narra a historia dun mariñeiro que se presenta diante da raíña para pedirlle un barco co que navegar ata unha illa descoñecida. Trátase dun espectáculo recomendado a partir dos seis anos.

Os organizadores de Domingo do Principal esperan repetir o éxito da pasada edición, na que se cubriu unha media do 93% do aforamento en todas as súas representacións. Para iso, os prezos volven ser asequibles para todos os petos. Cada función custa catro euros e haberá 400 abonos (200 para as funcións matinais e 200 para as vespertinas) que por 16 euros dará dereito a asistir ás sete obras do ciclo. Pódense adquirir xa en www.servinova.com.