Domingos do Principal arranca tempada o 15 de outubro

Pontevedra
26 de setembro 2023

Monicreques, danza contemporánea, clown, teatro mudo ou teatro de actor compoñen unha nova edición 'Domingos do Principal', o ciclo de espectáculos para nenos e público adulto que se vai desenvolver do 15 de outubro ao 26 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez e Xacobe Rodríguez (Teatro Akatro) presentan 'Domingos do Principal'
O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez e Xacobe Rodríguez (Teatro Akatro) presentan 'Domingos do Principal' / Mónica Patxot

"Teatro para todas as idades, de cero a 99 anos, pero con obras pensadas para os máis cativos da casa, para que se emocionen, divirtan, aprendan e desfruten". Deste xeito, o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez Junquera, presentaba unha nova edición 'Domingos do Principal', o ciclo de teatro para nenos e público adulto que se vai desenvolver do 15 de outubro ao 26 de novembro no Teatro Principal. 

Neste acto tamén estivo presente Xacobe Rodríguez, por parte de Teatro Akatro, a compañía encargada de programar este ciclo.

Explicaba que, aínda que non é o criterio de selección, dáse a circunstancia de que todos os espectáculos que pasan por 'Domingos do Principal' soen estar premiados en certames de referencia neste tipo de espectáculos destinados a público infantil.

Precisamente en canto a públicos, puntualizaba Rodríguez que no programa se indica a partir de que idades está destinada cada representación e a continuación co engadido "e público adulto", porque, aínda que os espectáculos están adaptados para nenos, iso non exclúe que os maiores poidan gozar cos mesmos. Para iso, "tentamos buscar en todos os ámbitos de artes ao vivo: monicreques, danza contemporánea, clown, teatro mudo ou teatro de actor", facendo un seguimento durante todo o ano do circuíto teatral galego e do resto de España.

Xa está dispoñible a venda de entradas en liña, a través de Ataquilla.com | Domingos do Principal a un prezo de 4 euros unha sesión ou 19 euros o abono para as sete sesións. De xeito presencial, a billeteira abrirase unha hora antes de cada función.

PROGRAMACIÓN 'DOMINGOS DO PRINCIPAL 2023'

Domingo 15 outubro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Baobab Teatro: Ás para Álex 
Teatro de actor e monicreques | Recomendado a partir de 4 anos e público adulto

Domingo 22 outubro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Periferia Teatro: Nube Nube
Teatro de actor e monicreques | Recomendado a partir de 4 anos e público adulto

Domingo 29 outubro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
La Baldufa: La fábula de la ardilla
Teatro de actor | Recomendado a partir de 6 anos e público adulto

Domingo 5 novembro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Determinada Cía.: Nina Ninette
Danza | Recomendado a partir de 3 anos

Domingo 12 novembro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Os náufragos: Hugo
Teatro de actor | Recomendado a partir de 4 anos e público adulto

Domingo 19 novembro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Marcel Gross: Particular
Espectáculo de clown | Recomendado a partir de 3 anos e público adulto

Domingo 26 novembro | Sesións ás 12.00 h e 18.30 h | Teatro Principal
Titiriteros de Binéfar: No nos moverán
Teatro de actor e monicreques | Recomendado para todos os públicos