'Pan de millo', 'Miña Abuela Manuela', 'O rap da lingua' e 'O libro máxico' foron algunhas das cancións que María Campos e Carlos Yus cantaron na mañá deste domingo sobre o escenario do auditorio do Pazo da Cultura na estrea do seu espectáculo musical 'Trinta anos cantando con Migallas', unha proposta que contaba coa colaboración de músicos da talla de Xaquín Xesteira e Anxo Xesteira, de Treixadura, ademais de Borja García e Isi Baúlo. A compañía pontevedresa celebraba así 30 anos de actividade teatral e musical promocionando a utilización do galego entre o público infantil.
As actividades durante esta terceira xornada do Salón do Libro Infantil e Xuvenil tamén contaron coa participación do dúo pontevedrés Polo Correo do Vento coa súa sesión de contos musicada, coa colaboración de Antón Ke, sobre a vida e obra de Maruja Mallo convidando aos máis pequenos a ofrecer a súa visión gráfica da pintora galega.
Ao mesmo tempo, moitos dos asistentes ao Pazo da Cultura participaron nos diferentes talleres de animación e de diversión, que finaliza coa actuación do clown Marcel Gross a partir das 19.00 horas coa representación de 'Encuentracuentos'.
O Rodalibros, se o tempo meteorolóxico o permite, viaxará este luns 14 ata a parroquia de Bora, coa intención de trasladar o espírito do Salón do Libro a todo o rural pontevedrés.
A partir das 17.15 horas do luns, Ana Seoane, directora artística da ambientación do Salón do Libro, será a encargada de realizar unha visita guiada ás instalacións do Pazo da Cultura mostrando ás persoas que participen os detalles dos ambientes que se deseñaron para esta 23 edición.
Ás 18.00 horas, Charo Pita ofrecerá unha sesión de contos xogando con conceptos sobre a arte co público. E a programación concluirá durante esta xornada co obradoiro creativo 'Arte e Parte', onde tamén se axudará aos pequenos para descubrir a súa faceta artística cunhas divertidas actividades.