A traxectoria literaria da escritora María Victoria Moreno segue inspirando, aínda hoxe, a obra de moitos artistas que buscan homenaxear a súa figura e rescatar os personaxes que ela creou nos seus libros. Este luns tivo lugar, na biblioteca do IES Torrente Ballester, a presentación da biografía 'Doce cartas a María Victoria Moreno', obra da luguesa Ánxela Gracián e ilustrada por Antonio Seijas.
No instituto onde María Victoria se xubilou tras máis de oito años de docencia segue moi vivo o seu recordo, como quixo destacar o director do centro, David Castro. Á presentación acudiron, entre outros, o conferenciante, académico e amigo persoal de María Victoria, Xesús Alonso Montero, quen quixo lembrar a figura da escritora e contou varias anécdotas da súa vida.
O motivo da presentación era dar a coñecer a biografía novelada e documentada por Ánxela Gracián, escritora, tradutora e editora galega, que confesou que o feito de non ter chegado a coñecer a María Victoria persoalmente non lle impediu "namorarse" da súa persoa. Para ela, a escritora de orixe extremeña foi unha das autoras que reinterpretou de forma máis satisfactoria os contos clásicos.
É o caso de 'Mariquiña', unha actualización do clásico 'Carapuchiña Vermella' plasmado na obra de María Victoria 'Mar adiante', na que o lobo se converte nun personaxe bondadoso que axuda á protagonista. Este lobo, de nome Garimoso, resulta ser o protagonista da biografía presentada este luns, 'Doce cartas a María Victoria Moreno' na que o narrador é, precisamente, Garimoso.
Ánxela non coñecera a María Victoria, pero afirma que "a súa consigna ante o mundo foi a risa". Cando comezou escribir 'Doce cartas a María Victoria Moreno' non tiña máis que un par de fotos e o testemuño de persoas que coñeceron moito á escritora, como Xesús Alonso. Mediante unha ficción creada a través da figura do lobo, Gracián foi descubrindo o perfil dunha escritora que, como di, "transparentábase moito nas súas obras".
Á presentación tamén acudiron o marido de María Victoria, Pedro Ferriol, e a súa filla, Begoña Llácer. Tamén quixo estar presente Laura Rodríguez, representante de Hércules Edicións, editorial impulsora do proxecto, que foi presentado no mesmo día no Salón do Libro ante o público infantil-xuvenil.