A sala de exposicións do campus de Pontevedra retomará a súa actividade o vindeiro venres 15 de outubro. Non só amosará unha nova imaxe como resultado dos traballos de renovación dalgún dos seus elementos, senón que tamén estreará nome. Deixará de denominarse de Sala X para pasar a ser Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes.
Este cambio de nome, xa anunciado tempo atrás, supón unha homenaxe ao artista e profesor da Facultade de Belas Artes, falecido en 2017.
Para completar a homenaxe, a reapertura do espazo será coa mostra 'Manuel Moldes. Vieiros na memoria', unha exposición comisariada por Sara Donoso que se detén no interese do artista pontevedrés polo debuxo e o grafismo aplicados á pintura.
O vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto, explica que o obxectivo desta nova denominación é "recordar o nome e a imaxe deste pintor, creador e profesor pontevedrés". A decisión adoptouna o equipo decanal de Belas Artes como resultado dunha petición consensuada da Xunta de Facultade.
A universidade púxose en contacto coa familia de Manuel Moldes para intentar facer aquí unha exposición con obras do propio artista homenaxeado, que poderá visitarse entre o 15 de outubro e o 15 de decembro e recolle as obras da serie 'Vieiros' do autor e tres debuxos realizados en 1977 e ata agora inéditos.
A profesora Chelo Matesanz e directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, foron as coordinadoras da remodelación da nova sala.