Un total de 27 novas tituladas protagonizan desde este martes unha nova edición de 'Do final e do comezo', a exposición que cada ano reúne no Pazo da Cultura unha escolma de obras nacidas como traballos de fin de grao (TFG) na Facultade de Belas Artes.
Comisariada pola egresada e xestora cultural Alexandra R. Rey e promovida polo Concello de Pontevedra e a facultade, a mostra permite coñecer a diversidade de temáticas e disciplinas nas que o alumnado de Belas Artes afonda ao longo da súa etapa formativa.
Estas, como salientou a súa comisaria, vense nesta ocasión conectadas pola “necesidade de indagar sobre o punto de orixe” que se reflicte na meirande parte dos proxectos.
A exposición, que foi inaugurada este martes e que poderá visitarse ata o 11 de febreiro, reúne creacións que amosan como é toda unha xeración de artistas.
'Do final e do comezo' é un proxecto expositivo que iniciou o profesor Juan Carlos Meana, falecido o pasado ano, na súa etapa á fronte do Decanato, e polo que foron pasando un bo número de docentes da facultade como comisarios, tendo nos últimos anos como responsables a profesoras asociadas moi novas ou a exalumnas como Alexandra R. Rey.
As obras das 27 artistas foron seleccionadas nunha convocatoria aberta, con independencia da cualificación obtida por cada TFG, xa que o obxectivo das coordinadoras da mostra é crear unha narrativa que sexa coherente, na que, por desgraza, non poden estar todos.
VISITAS GUIADAS
Co obxectivo de facer o máis accesible posible a arte contemporánea, a exposición está complementada por segundo ano consecutivo por unha serie de visitas guiadas para a toda cidadanía. Terán lugar os días 17 e 24 de xaneiro e 7 de febreiro ás 17.30 horas e os días 21 de xaneiro e 3 e 11 de febreiro, ás 12.00 horas, e a estas sumaranse outras para grupos escolares.
Ademais, a mostra complétase con obradoiros impartidos polas propias artistas participantes, que ao igual que as visitas contarán con inscrición previa a través do servizo Apúntate do Concello.