Todo está a punto xa en Caldas de Reis para celebrar unha nova edición do Kalidas Primavera Festival que, como avanzaran os seus impulsores, reunirá un cartel de luxo no que o público poderá gozar das sesións de DJ de grande renome no ámbito nacional.
A Tafona será o escenario no que, o próximo venres 11 de abril, actuarán todos os invitados.
A cabeza de cartel será a canaria Tay de León, DJ residente no clube Opium de Barcelona, un dos locais máis icónicos da cidade, todo un destino turístico pola súa programación de calidade.
Xunto a ela estarán Paolo Dumore, un artista vigués cunha traxectoria de 20 anos no mundo dos DJ e que ten medrado moito na noite galega; ou Groove Amigos, a parella formada por Pau D’Afonso e André Vázquez, que repite no festival por segundo ano consecutivo.
Carlos López (A Estrada) e DJ Pitty (O Porriño), que teñen unha gran proxección, e Marcos DJ Gramola (Vigo), que é coñecido por se embarcar en aventuras como bater o récord Guinnes poñendo música 244 horas sen parar, completarán o cartel do Kalidas Primavera Festival.
A xornada comezará sobre as 22:30 horas no recinto pechado do aparcadoiro, que este ano estreará espazo de acceso a través da Praza do Camiño.
Dada a alta calidade da programación e que a entrada é de balde, o tenente de alcalde, Manuel Fariña, agarda un éxito de convocatoria e que o evento se consolide como unha referencia no calendario de festivais galegos, nos que os DJ están a tomar un importante protagonismo.
Fariña lembra que o Kalidas Primavera Festival "será toda unha festa" e chama á veciñanza e á xente de fóra de Caldas a achegarse para pasar unha xornada de música "e bo rollo" que seguro se prolongará durante a noite.