Dez estudantes pontevedreses empezan o camiño para abrir Novos Cinemas

Pontevedra
05 de novembro 2021

Dez estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes de Pontevedra foron seleccionados nunha convocatoria aberta polo festival Novos Cinemas para participar nunha iniciativa formativa que terá colofón a a xornada inaugural da sexta edición do evento, o 14 de decembro

Os participantes mantiveron un encontro co vicerreitor do campus
Os participantes mantiveron un encontro co vicerreitor do campus / DUVI UVigo

Dez estudantes das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes de Pontevedra foron seleccionados nunha convocatoria aberta polo festival Novos Cinemas para participar nunha iniciativa formativa que terá como colofón a xornada inaugural da sexta edición do evento, o 14 de decembro

Ese día, estrearanse unha serie de curtametraxes elaborados polo estudantado como parte da iniciativa Videohipnose, impulsada polo festival e a vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. 

O cineasta e videoartista Adrián Canoura encargarase da formación e guía deste alumnado, que poderá achegarse ao cinema desde a confluencia con outras artes e linguaxes e experimentar con diferentes formatos, técnicas e ferramentas.

O director artístico do festival, Suso Novás, explica que a acción buscaba nesta edición achegarse ao ámbito da videocreación e as interseccións do cinema con outras artes, da man de Canoura, cuxo traballo abrangue desde a realización de videoclips ou películas ata deseños, performances ou proxectos ligados á creación en directo con grupos como Baiuca. 

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este venres a segunda sesión de traballo deste taller, na que Canoura e o alumnado participante mantiveron un encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto.

A película documental Cinco condicións, dos cineastas daneses Lars von Trier e Jorgen Leth, na que o primeiro propón ao segundo unha serie de condicionantes de cara a realizar de novo unha curtametraxe que gravara décadas antes, serviu como punto de partida da proposta que Canoura articulou para este obradoiro.

Canoura propón unha experimentación "con condicionantes". Concretamente, propuxo ás e aos participantes as opcións de traballar a partires de imaxes de arquivo, de achegarse a cuestións máis abstractas ou deixarse levar polo cinema máis contemplativo, como puntos de partida para as súas pezas.

Fernando Areal, Clara Borrazás, Lara Cores, Yasmina Farhani, Tamara Goberna, Antía Encisa, Alejandro López, Rubén Mascato, Claudia Pineda e Cristina Vera son os dez participantes neste obradoiro estruturado en catro sesións, que arrancou en outubro cunha primeira sesión dirixida a achegarlles unha serie de referencias. Xa este venres, os participantes puideron presentar as súas primeiras ideas de traballo.

Na seguinte xuntanza, programada para finais de novembro, terán xa que presentar unha primeira versión das curtas que se estrearán o 14 de decembro.