Con motivo do Día Internacional dos Museos, que este ano se dedica ás paisaxes culturais, o Museo de Pontevedra levará a cabo unha actividade para achegar aos cidadáns a relación entre o patrimonio artístico da contorna urbana e os fondos da institución. A proposta denomínase 'Da Cidade ao Museo' e acolle varios percorridos guiados que comezarán o mércores 18 de maio e continuarán o xoves 19 e o venres 20.
A actividade centrarase nun paseo guiado por diferentes espazos públicos nos que se atopan obras de arte significativas que conectan directa ou indirectamente coa colección do museo. Con esta iniciativa quérese poñer en valor a importancia do patrimonio cultural e ambiental de Pontevedra e do papel que desenvolve o Museo. O percorrido divídese en dous bloques. O primeiro centrarase nun paseo pola cidade con visita a varios monumentos e representacións artísticas.
O segundo percorrido será polo Sexto Edificio do Museo para que os participantes coñezan a exposición permanente. A visita recoméndase para público adulto e comezará ás 18.00 horas e finalizará ás 20.00 horas. Cada visita conta cun límite de 25 prazas. Os interesados terán que inscribirse a través do Gabinete Didáctico en horario de luns a venres de 8.00 a 14.30 horas no teléfono 986.408.100 extensión 42413. Tamén se poderán apuntar a través do correo: [email protected]
NOITE DOS MUSEOS
A Noite dos Museos celebrarase o sábado 21 de maio e o Edificio Sarmiento e o Sexto Edificio permanecerán abertos ata a media noite. O eixo temático será a figura do galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá unha visión de dez cadros que o artista de Rianxo imaxinou no Diario de 1921, tras unha viaxe por Francia, Bélxica e Alemaña. Durante ese período asistiu a representacións do Theatre de Chauve-Sourris, que lle influíron artisticamente.
Agora, os estudantes de Dirección, Dramaturxia, Escenografía e Interpretación de primeiro curso da ESAD de Vigo elaborarán nove pezas nas que recrean a sensibilidade do autor de Rianxo empregando como escenario os dous edificios. Prográmanse dúas funcións de 75 minutos cada unha, e que darán comezo ás 19:30 e ás 22 horas. A entrada será libre e non se precisa inscrición previa.