"Deseña a túa horta ecolóxica", a nova actividade sorpresa do Salón do Libro

Pontevedra
09 de abril 2016

A ecoloxía, o respecto pola natureza e a importancia dunha alimentación saudable son as premisas baixo as que se desenvolve a actividade

"Deseña a túa horta ecolóxica", a nova actividade sorpresa do Salón do Libro
"Deseña a túa horta ecolóxica", a nova actividade sorpresa do Salón do Libro / Salón do Libro

Comezou unha nova actividade sorpresa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra: "Deseña a túa horta ecolóxica". A Concellaría de Parques e Xardíns habilitou o Recinto Feiral do Pazo da Cultura para que os nenos poidan acudir a unha "escola rural" onde se lles contará aos participantes como se traballa no agro, as vantaxes dunha alimentación sostible e se lles inculcará respecto pola natureza.

A finalidade deste obradoiro participativo é poñer aos máis pequenos da casa en contacto cunha horta ecolóxica. Para isto Luz Gómez Señoráns, enxeñeira técnica forestal da Horta Agrelo, acompáñaos durante unha primeira parte da actividade máis didáctica para que, posteriormente, poidan entrar nun invernadoiro e deseñar a súa horta de tempada.

Ao rematar, todos poderán levar unha semente para casa para continuar coidándoa no futuro para que o aprendido non se quede só nunha actividade illada.

Horarios

  • Sábado 9 en horario de 12:00 -  17:30 e 18:30 horas
  • Domingo 10 en horario de 12:00 – 17:30 e 18:30 horas

(A actividade está recomendada para nenos de máis de cinco anos e levarase a cabo en grupos de 30)