Descubrindo novas vías de investigación en Belas Artes

No marco do ciclo formativo 'Investigación en curso', a Facultade de Belas Artes acolleu un coloquio impartido pola doutora Iria Vázquez e Fran Quiroga, coordinador do Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns

Iria Vázquez e Fran Quiroga durante o coloquio celebrado en Belas Artes
Iria Vázquez e Fran Quiroga durante o coloquio celebrado en Belas Artes / Gabriela Varela Asorey

O mundo da arte continúa necesitando de iniciativas que dignifiquen a profesión, a exploración de novas plataformas e vías de investigación para aqueles alumnos que están a preparar as súas teses, ou a expansión cara novos campos de aplicación da investigación artística, tan versátil e dinámica.

Co motivo de axudar e mostrar a estes alumnos as múltiples posibilidades que ofrece o mundo da arte en canto á investigación, este martes na Facultade de Belas Artes tivo lugar unha charla-coloquio impartida pola doutora en Belas Artes, Iria Vázquez, e o licenciado en Ciencias Políticas, Fran Quiroga. A súa vez, esta "mesa redonda" foi impulsada en conxunto con Silvia García, decana de Belas Artes, que destacou a importancia de dotar á asociación de ex alumnos 'Redes por Bellas Artes' de visibilidade profesional.

Nesta charla os dous ponentes reflexionaron sobre a necesidade de crear unha rede de comunicación activa entre alumnos, licenciados e doutorados, co obxectivo de divulgar esas teses, ademais das posibilidades artísticas e sociais que existen despois da carreira. Posiblidades que, como sinalou Iria, son "infinitas" á hora de xerar estratexias, visibilizar problemas e sensibilizar contextos sociais.

Fran Quiroga coñece ben as posibilidades que o mundo da arte ten á hora de 'hibridarse' con outros campos de investigación. Xestor cultural e investigador, considera interesante explorar novas metodoloxías. A arte permite abrir "eses marcos, esa imaxinación e novas posibilidades". 

Tanto Iria como Fran debatiron e asesoraron aos alumnos a partir da súa propia experiencia e baseándose tamén nas propias demandas e dúbidas dos asistentes, pois era esa a finalidade da iniciativa. O interesante, como apuntou Quiroga, era xerar espazos de diálogo e socialización tamén no ámbito do traballo. Os alumnos, como matizou Iria, son os que deben "tomar conciencia" da realidade artística integral, no só a que se imparte no taller, senón como a arte e a profesión está considerada fora das facultades.