Descontos e animación: Pontevedra prepárase para a "fin de semana" do libro

Pontevedra
20 de abril 2023

O Día do Libro está á volta da esquina e as librarías pontevedresas xa están a preparar os seus descontos e actividades. Malia que este ano cae a domingo 23, iso non impide a celebración do que Adriana Otero, libreira de Cronopios, considera "o día máis importante para os lectores e os libreiros"

Libraría Paz
Libraría Paz / PontevedraViva

O Día do Libro está á volta da esquina e as librarías pontevedresas xa están a preparar os seus descontos e actividades. Malia que este ano cae a domingo 23, iso non impide a celebración do que Adriana Otero, libreira de Cronopios, considera "o día máis importante para os lectores e os libreiros".

Un ano máis, Pontevedra acolle esta data como unha das máis especiais do calendario. Ilusión, incerteza e moitas ganas de celebrar é o que se respira ante a chegada da vindeira fin de semana. 

Pero, cando se farán os clásicos descontos do 10%? Poderá a cidadanía achegarse ás librarías o domingo?

Érika Martínez, libreira de Nobel, confesa que o feito de que este ano coincida a domingo "pode que faga que a xente non asimile que as librarías poidan abrir". Apunta que "o ano pasado caeu a sábado e houbo moita xente" pero, con resignación, admite ter certas dúbidas sobre este.

Pese a estar á expectativa, Martínez aclara que este ano a librería Nobel decidiu aplicar un desconto do 5% en libros durante a xornada do sábado 22. Será o domingo cando os lectores poidan gozar do clásico desconto do 10%.

Pero, como pasa cos libros, haberá opcións para todos os gustos. Libraría Paz pasará a celebración do domingo para o sábado e abrirá en horario de mañá e de tarde. Os descontos, a música e as flores serán as protagonistas desta cita. 

Cynthia Menéndez, representante da Libraría Paz, adianta que os achegados gozarán da intervención artística de Tamara Andrés alén de participar nun sorteo para "premiar a clientela e reforzar o comercio local". Ademais, Menéndez explica que crearán un vídeo coa participación dos clientes para "homenaxear os nosos lectores".

Outras librarías como Cronopios tamén se aproveitarán da posibilidade de celebrar o día na xornada do sábado. "O domingo tampouco é un día de tanta compra, entón a xente si que se vai animar máis o sábado", afirma Adriana Otero. Está convencida de que os descontos son un bo incentivo para que a xente merque, pero que o que máis atrae é "comprarlle a alguén un libro e facer ese agarimo nun día tan sinalado".

Coa preparación dos vindeiros días, as libreiras pontevedresas móstranse animadas e admiten que as vendas crecen notablemente. "A xente está moi motivada e nós notámolo moitísimo", confesa Marina Couto, libreira de Aviones de Papel.

Malia que este ano a festividade "pillounos co paso cambiado", o entusiamo non falta entre as libreiras, que animan os lectores a achegarse durante esta fin de semana para gozar de descontos, música e animación.