Derradeiro vídeo en Tik-Tok de Memoria das Mulleres para lembrar nomes "que fixeron historia"

Pontevedra
03 de xaneiro 2022

A peza orixinal, publicada en Tik-Tok, completa a serie de oito creacións publicadas polas creadoras de contido Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa. A aportación de María Rúa pon o foco nas mulleres que fixeron país traballando en diversos eidos, rompendo tópicos e loitando polo seu como Ernestina Otero, Teresa Fraga, María Santomé ou Clara López.

Vídeo en Tik-Tok para salientar o labor de Ernestina Otero, Teresa Fraga e María Santomé
Vídeo en Tik-Tok para salientar o labor de Ernestina Otero, Teresa Fraga e María Santomé

O programa A memoria das mulleres tentou achegar durante o 2021 a loita antifascista das mulleres pontevedresas ao público máis novo. Para tal fin, tres tiktokers galegas, Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa idearon oito pezas audiovisuais para distribuíren a través da rede social Tik-Tok.

O concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, indica que o obxectivo final desta serie era achegar o programa realizado pola Memoria das Mulleres ata o público máis novo, utilizando unha aplicación que resulta atractiva para esa franxa de idade.

Na derradeira peza, que pode ser visualizada nesta ligazón, María Rúa pon nome e cara a algunhas mulleres que loitaron polo país en diversos eidos, rompendo tópicos e barreiras dentro de diferentes espazos laborais, desbotando a idea de que as mulleres "só traballan na casa". Ernestina Otero, Teresa Fraga ou María Santomé son os exemplos propostos pola tiktoker galega.

Os oito vídeos publicados lograron unha forte interacción dentro da rede social onde se publican vídeos curtos. O conxunto de pezas suma máis de 85.000 visualizacións e, segundo o Concello, pon de manifesto o interese da mocidade neste tipo de temas, disposta a aprender e coñecer unha parte moitas veces oculta da historia feminina galega.