O espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza, DeMente, aterra no Pazo da Cultura o vindeiro domingo 16 de abril para abordar o tema da saúde mental. As entradas están dispoñibles en ataquilla.com.
DeMente é un dos cinco espectáculos seleccionados para representar a Galicia na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales de Colombia. Ademais, foi seleccionado en FETÉN no ano 2023 e finalista en sete categorías dos Premios Max 2022.
O show comezará ás 19:00 horas e tratará o estigma das patoloxías vinculadas coa saúde mental. Para iso, os de Fran Sieira combinarán o baile e a música tradicional con influencias contemporáneas.
En total serán oito bailaríns e bailarinas os que mostren a evolución que sofren e sufriron historicamente as persoas con trastornos de saúde mental.
Para iso, desde a compañía explican que o seu director, Fran Sieira, fixo un traballo de investigación sobre estas doenzas vinculadas á saúde mental, desde entrevistas con psiquiatras ata vivencias máis persoais como o diagnóstico de esquizofrenia da súa curmá.
Sieira explica que a finalidade é visibilizar a memoria histórica das persoas que sofren un rexeitamento social e as consecuencias dos prexuízos sobre os trastornos da saúde mental.