De Vigo a Porto, música a bordo do Atlántico Express cos Festivais Rías Baixas

Pontevedra
05 de xuño 2016

Unha comitiva das Rías Baixas, encabezada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladouse ata a cidade lusa para presentar os Festivais Rías Baixas, unha iniciativa que agrupa a sete dos festivais máis coñecidos da provincia de Pontevedra

Atlántico Express, o tren dos Festivais Rías Baixas entre Vigo e Porto
Atlántico Express, o tren dos Festivais Rías Baixas entre Vigo e Porto / PontevedraViva

Son as nove da mañá. Un centenar de persoas, entre pacientes e emocionados, fan cola ata que chega a súa quenda para subir ao tren que lles espera na plataforma 13B da estación de Vigo-Guixar.

-    Van vostedes a bordo do Atlántico Express?, pregunta o persoal de Renfe.
-    Si, responden unánimes moitos deles.
-    Chegaremos a Porto en pouco máis de dúas horas. Gocen da viaxe.

Todos soben ao tren baixo a atenta mirada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que madrugou este sábado para despedir á comitiva das Rías Baixas, encabezada pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que se trasladou ata a cidade lusa para presentar os Festivais Rías Baixas, unha iniciativa que agrupa a sete dos festivais máis coñecidos da provincia de Pontevedra.

Unha iniciativa pioneira como tamén o foi este Atlántico Express. Porque a viaxe entre Vigo e O Porto foi, nesta ocasión, moi diferente ao que diariamente une as Rías Baixas co norte de Portugal. E todo grazas á fusión entre gastronomía e música da que gozaron uns pasaxeiros que apenas deixaron prazas libres neste convoi.

Tras abrir o apetito cun almorzo e uns suculentos bocados de marmelada de camelia, a flor máis característica das Rías Baixas, os primeiros acordes comezaron a soar. Aínda que para moitos resultou ser toda unha sorpresa, o Atlántico Express converteuse, tal e como estaba previsto, nun inusual escenario. Vagón tras vagón, a cálida voz de Su Garrido Pombo e o enérxico directo de Best Boy resoaron no tren, un aperitivo do que estaba por chegar.

Xa no Porto, a cita era no local Maus Hábitos, un emblemático espazo, a medio camiño entre un gastrobar e un centro socio-cultural, que leva máis de 25 anos sendo unha das referencias do lecer e a cultura desta cidade portuguesa.

Alí, cunha nutrida presenza de público portugués, os Festivais Rías Baixas protagonizaron a súa posta de longo no país veciño.

"Son unha das razóns máis importantes para visitar as Rías Baixas", destacou Carmela Silva na presentación. "Pero hai máis", engadiu. Así, antes de detallar esta oferta cultural proxectáronse varias pezas audiovisuais que retrataron a ampla, variada e alternativa oferta turística que as Rías Baixas poden ofrecer aos seus visitantes.

Julio Gómez, como representante dos sete festivais que integran esta histórica colaboración -Cultura Quente, Atlantic Fest, Portamérica, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño e Revenidas-, apelou á "identidade atlántica" que une Galicia e o norte de Portugal para que a colaboración cultural entre ambas as rexións se manteña no tempo e sexa toda unha referencia no sur de Europa.

"Sería un fracaso se isto queda só nun evento illado e non somos capaces de seguir traballando conxuntamente de cara o futuro", asegurou antes de ceder a palabra ao vicecónsul de Portugal en Vigo, Manuel Carreira da Silva, que recén chegado ao cargo destacou que "a vida en Galicia é como un festival contante" e convidou os seus compatriotas a acudir a estas sete citas culturais e musicais do verán nas Rías Baixas.

Son sete citas que "non hai que esquecer de marcar na axenda", afirmou unha Carmela Silva que se referiu a estes festivais como un "punto de referencia" para as Rías Baixas "no que hai que profundar" porque traslada unha imaxe "vangardista e moderna" da provincia de Pontevedra, unha rexión cunha vida cultural "orixinal e diversa".

A presidenta da Deputación explicou que a música "une persoas e tamén territorios", polo que espera que estes sete festivais contribúan a que "isto sexa o inicio de moitas viaxes entre as Rías Baixas e Porto, e viceversa, entre Porto e as Rías Baixas".