De Abbey Road ao Pazo da Cultura: Furious Monkey House, as novas estrelas do rock

Pontevedra
22 de outubro 2015

O grupo rockeiro de mozos pontevedreses actuará o domingo 25 no Pazo da Cultura ás 19.00 horas dentro do ciclo Imperdibles con entradas ao prezo de 12 euros. Presentarán o disco 'Run', gravado este ano nos estudios Abbey Road de Londres

Furious Monkey House
Furious Monkey House /
Como é a experiencia de gravar un disco de Furious Monkey House no estudo Abbey Road? /

Son os cinco estudantes máis rockeiros da cidade, Mariña, Manu, Irene, Carlota e Amaya acompañados por un mono xigante conformanFurious Monkey House, un grupo pontevedrés con integrantes que non exceden os 13 anos e que o vindeiro domingo 25, ás 19.00 horas, subirán ao escenario do Pazo da Cultura para ofrecer un concerto dentro do ciclo Imperdibles. As portas do Pazo estarán abertas a partir das 18.30 horas.

Será a primeira oportunidade para escoitar en directo os temas do seu disco 'Run', que foi gravado no histórico estudo de Abbey Road onde os Beatles elaboraron a maior parte da súa discografía. Gonzalo Maceira, creador da banda e o músico que toca o baixo tras unha máscara de mono, presentaba este xoves 22 no Concello de Pontevedra o concerto acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o promotor Kin Martínez.

O concerto servirá para presentar o álbum que oficialmente sairá á venda o 13 de novembro. Un disco no que, segundo Gonzalo Maceira, os nenos viviron unha experiencia incrible nos lendarios estudos: "convertéronse en pequenas estrelas de rock and roll", afirmou o creador, ao destacar que os pequenos aguantaron o ritmo dos músicos adultos durante 12 horas.

Maceira explicou que o grupo xurdiu en marzo de 2014 con dous dos seus alumnos que eran moi rebeldes ás que decidiu crearlles un obradoiro de expresividade no que elas se mostraron creativas realizando cancións en inglés contra o propio Gonzalo. Así xurdiu 'Heavy boy', un dos primeiros éxitos da banda que se iría formando cos outros tres novos integrantes.

O concerto do domingo será gravado para colgalo posteriormente nas redes sociais. As entradas xa se poden adquirir ao prezo de 12 euros en Ataquilla.