David Taboada Trío puxo este sábado a guinda do ciclo Sons de Outono, organizado polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra coa colaboración do Concello.
Este trío formado por tres músicos moi novos actuou ao mediodía na praza da Peregrina na última sesión deste ciclo musical.
Ante o público estiveron a contrabaixista cubana Judit Almeida, todo un referente no jazz galego actual; e o pianista Mateo Sestelo e o baterista David Taboada, dous novísimos musicos ponteareáns que están chamados a ser referentes deste estilo musical en Galicia.
Con Sons de Outono, o Seminario Permanente de Jazz inaugurou as celebracións do seu 25 aniversario, que se conmemorará en 2025.
Foi un ciclo maioritariamente de jazz, pero que tamén se abriu a outros estilos co obxectivo de achegar a música á cidadanía e ambientar as rúas da cidade antes do Nadal con catro concertos.
Esta actuación foi este sábado 21 de decembro unha das tres patas musiciais do día Pontevedra.
Así, este sábado tamén se programou a actuación de Carlos Núñez ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e o Concerto de panxoliñas da Coordinadora de Corais ás 20.00 horas no Teatro Principal.
Este domingo, este Concerto de panxoliñas terá unha segunda entrega, tamén ás 20.00 horas no Principal.