Darío Fernández, o actor pontevedrés ao que estás a ver estes días en prime time

Pontevedra
29 de outubro 2024
Actualizado: 9:29

A súa cara está a aparecer nos televisores en prime time durante as últimas semanas. Trátase da campaña promocional de Lupia, a nova marca de cervexas de Hermanos Rivera

O actor pontevedrés Darío Fernández estivo no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
O actor pontevedrés Darío Fernández estivo no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

A súa cara está a aparecer nos televisores en prime time durante as últimas semanas. Darío Fernández mira á cámara, nos seguintes planos testea o lúpulo nunha gran plantación. Trátase da campaña promocional da nova marca de cervexas de Hermanos Rivera. 

A Darío Fernández Raposo haberá un par de xeracións de pontevedreses aos que esa cara resúltalles perfectamente recoñecible. Durante aproximadamente quince anos estivo á fronte de varios locais referentes do lecer nocturno local.

Achegándose aos corenta anos fixo unha viaxe de introspección e decidiu poñer un punto e aparte, aínda que non sabía onde ía comezar a escribir o seguinte parágrafo.

Viaxou, escoitouse e reencontrouse na interpretación a través do teatro. Nunca é tarde para aprender, din; e a iso se puxo. En Barcelona con Jessica Walker e logo en Galicia.

Neste periplo desde 2016 instruíuse con nomes propios como os de Verónica Forqué, Ramón Langa, Oliver Laxe, Ignacio Vilar, Alfonso Zarauza, ou Tito Asorey, entre outros. Agora está no cinema "que é onde quero quedarme”, afirma.

Darío Fernández Raposo
Darío Fernández Raposo Mónica Patxot

A súa primeira oportunidade chegou coa serie ‘A estiba’, logo viñeron ‘A ley dos santos’, ‘O sabor das margaridas’, ‘Rapa’, ‘Cans de ferro’ e tamén ‘Operación marea negra’.

Nese elenco hai que incluír unha desas gratas sorpresas para o cinema feito en Galicia: 'O corno’ de Jaione Camborda, onde interpreta ao personaxe de Manuel.

Este ano ao que lle quedan un par de meses para concluír participou nas rodaxes de ‘San Simón’ dirixida por Miguel Ángel Delgado e en 'Antes de nós’ de Ángeles Huerta, unha longametraxe cuxo protagonista é Castelao con algúns escenarios localizados e gravados o pasado setembro en Pontevedra.

Ser actor é unha profesión na que as esperas forman parte da cotidianeidad. Esperas que soe o teléfono, que che digan que formas parte dunha rodaxe; e isto, en alguén afeito dirixir os seus tempos tamén hai que aprendelo, explica. Actualmente está en procesos de casting e “á espera de que pasen cousas”. 

Evidencia ser unha persoa moi agradecida á vida, repíteo durante a charla que mantemos no podcast ‘Cara a cara’.

“Que inxusto sería que non o fose. E aínda así ás veces despístome. A todos tócanos facer ese traballo de gratitude. Creo que é tremendamente importante porque cando agradeces, sentes doutra maneira”, asegura.

(En breve poderá escoitarse a entrevista completa en o podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio)