Cinco concellos galegos acollerán, entre os días 17 e 21 de xullo, as representacións do festival Abanea, un programa de danza e artes do movemento. Un deles será Marín.
Serán pezas de non máis de 20 minutos de duración e de base contemporánea, que dialogan con outros estilos como as danzas urbanas ou o ballet clásico, con temáticas que xiran arredor dos soños, da dureza ou fraxilidade dos corpos, da identidade, do trauma ou do amor.
Foron creadas, producidas e interpretadas por dez compañías profesionais de Galicia, México, Portugal, Madrid, Cataluña, Andalucía e Euskadi.
No caso de Marín, o festival chegará á contorna da praia de Portocelo o sábado 20 de xullo coa representación de tres das pezas que xirarán por toda Galicia.
Serán Drauma, de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México-Portugal), gañadoras do certame de creación Sólodos en Danza de Costa Rica; ou Pensar a contratempo, de Suevia Rojo (Galicia-Portugal), creada ao abeiro do apoio da pasada edición do festival.
A terceira montaxe que se poderá ver en Marín é Ven, coa que a consolidada compañía galega La Macana ten realizado xiras por máis de 30 países desde a súa estrea.
Todas as representacións son gratuítas para o público.