O festival SonRías Baixas, que celebrará a súa edición de 2025 os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu, anunciou as súas primeiras confirmacións, entre as que destacan artistas como Dani Fernández, Sen Senra, Carolina Durante, Alizzz, Niña Polaca, Nena Daconte ou Delaporte.
A organización volverá a apostarpor reunir unha programación variada que, segundo destacan, "é reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día".
"É unha proposta musical fresca, sen cinguirse a un só estilo concreto", subliñan sobre unha oferta musical que, só neste primeiro avance, está integrada por 24 actuacións.
Así, o SonRías Baixas contará con algúns dos artistas nacionais máis importantes e relevantes do panorama musical actual, entre eles Dani Fernández, o vigués Sen Senra, Judeline ou Carolina Durante.
A eles sumaranse proxectos consolidados de moi diversos xéneros e procedencia como Alizzz, Niña Polaca, Nena Daconte, Delaporte, Marlena ou Vega.
O festival de Bueu seguirá apostando por incluír unha nutrida representación de bandas emerxentes, como é o caso de Melifluo, Griso e Maestro Espada, predominando en moitas delas como Cariño, Shego ou Pipiolas o talento feminino.
Ademais, como representantes da nova e prometedora xeración da música galega o SonRías Baixas contará, entre outros, con Carlos Ares, The Rapants, Grande Amore, Capital Voskov e Luís Fercán.
Haberá tamén sesións DJ que estarán a cargo de JuancaSupersub, un dos membros de Supersubmarina, e NDLR, segundo avanzan os organizadores.
Os abonos poñeranse á venda o vindeiro luns 9 de decembro ás 12:00 horas a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info, e da plataforma Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para os tres días e precargar de maneira anticipada a pulseira.
O prezo de saída do abono será de 54,90 euros, gastos de xestión incluídos.