Durante o venres 29 e o sábado 30 de xullo, dar un paseo polo centro de Pontevedra pode implicar, de paso, asistir a un concerto de balde a pé de rúa. Todo grazas ao programa municipal Paseantes, que este ano chega á súa segunda edición dentro da programación das Festas de Verán con actuacións de jazz, folk, art rock, pop de autor, rock & soul ou música clásica, entre outros estilos musicais.
Paseantes propón itinerarios musicais a pé de rúa durante dous días co obxectivo de que as prazas da cidade sexan puntos de encontro entre os artistas e o público, creando un espazo de lecer e dinamizando a actividade da cidade. Para achegarse a todos os públicos, este ciclo ofrece os máis variados estilos musicais.
O que se busca é que pontevedreses e visitantes poidan "ir camiñando pola rúa e atopar música en cada esquina", segundo explicou Diego Parajó, da empresa Xeneme, encargada de organizar este programa para o Concello de Pontevedra. É un modelo que se reproduce en moitas cidades e que en Ponteveda o ano pasado, o seu primeiro de vida, resultou unha experiencia moi enriquecedora con boa acollida por parte do público.
Trátase dunha proposta de concertos rápidos que se montan e desmontan en tan só uns minutos. Deste xeito, unha persoa pode pasar por unha praza ás 19.45 horas e atopar o ambiente habitual dunha tarde de xullo e, se volve 15 minutos máis tarde, presenciar un concerto. Unha hora despois, terá desaparecido toda pegada da actuación musical.
O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou a iniciativa este martes como unha oportunidade para "achegar ao pobo a música que non é tan coñecida" e animou a todos os pontevedreses a pasear pola Pontevedra máis musical da man de grupos que este ano son na súa totalidade galegos.
O venres o programa dará comezo ás 12.00 horas na praza de abastos coa proposta de jazz de Alberto Vilas Quartet e rematará ás 22.30 horas na praza de Ourense co Nujazz de Nastasia Zürcher. Entre ambas as dúas actuacións, haberá todo un día cheo de música. Ás 13.00 horas actuará na praza da Leña a cantautora Palito e ás 14.00 horas na mesma praza estará Xabier Mera cunha proposta de jazz manouche. Ás 19.00 horas e ás 20.00 horas o ambiente estará na glorieta de Compostela con Lulavai (folk) e Gro! (Art rock). E ás 21.30 horas completará o programa da xornada a música instrumental de Cristian Silva Ego Band na praza de Ourense.
O sábado ás 12.00 horas actuará na praza de abastos Breakin’Bones, cun estilo rockabilly. Ás 13.00 e as 14.00 horas a música cehgará á praza de Méndez Núñez con Appel Tree (new croner) e Xoán Curiel (worldmusic). Pola tarde, ás 19.00 e as 20.00 horas os concetos serán na praza da Verdura co Quinteto Rubato de música clásica e o pop de autor de Silvia Penide. Ás 21.30 e as 22.30 horas o ciclo rematará na praza do Teucro coa fusión musical de Mónica de Nut e Vixilio da Silvia e co rock & soul de The Lakazans.