"Da ciencia á ficción" é o tema escollido para o próximo Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra, que se celebrará entre o 6 e o 28 de marzo de 2015. Así o desvelou este sábado o Concello de Pontevedra, organizador do evento, logo de ter mantido reunións con algúns centros de ensino aos que comunicou a temática da vindeira edición, para que poidan ir traballando nas súas achegas ao Salón dende o primeiro día de curso.
Esta decimo sexta edición do Salón do Libro estará centrado polo tanto, segundo a organización, na ciencia, na lóxica, na explicación racional a feitos incribles como a chegada do home á lúa, os robots ou a realidade virtual. Explican que as matemáticas, a astronomía, a bioloxía, a física ou a química esclarecen feitos obxectivos e observables que inspiraron grandes historias de ficción, historias que se converten en realidade grazas á ciencia.
De cara ao mes de outubro o Concello de Pontevedra contactará, outra vez, con todos os colexios do municipio para abundar no traballo deste proxecto, no que a colaboración dos centros de ensino é fundamental.
Dende a Concellaría de Cultura xa se está traballando no programa de actividades do Salón para que novamente os asistentes se sorprendan coa gran variedade e calidade das actividades e propostas para a toda a familia, a grande maioría delas gratuítas.