Cuntis recibe unha subvención para a limpeza superficial de rochas con arte rupestre

Umia
23 de outubro 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de conceder ao Concello de Cuntis unha subvención dun total de 12.069,75 euros para un plan de limpeza superficial, rexistro dixital e conservación de rochas con arte rupestre

Petróglifos de Cequeril en Cuntis
Petróglifos de Cequeril en Cuntis / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis, a través da área de Cultura e Patrimonio, cuxo máximo responsable é Enrique Portela, acaba de recibir unha subvención por parte da Deputación de Pontevedra para a realización dun plan integral de limpeza superficial, rexistro dixital e conservación de rochas con arte rupestre.

A subvención, que ascende a 12.069,75 euros, será destinada a un plan que contempla, entre outras cuestións a limpeza das rochas, a documentación dixital dos motivos (co gallo de poder comparar nun futuro o posible deterioro dos xacementos), a delimitación dunha contorna libre de vexetación e o establecemento dun calendario que marque cando realizar rozas con varios anos de vixencia.

A actuación que se levará a cabo está fundamentada na aplicación da metodoloxía da conservación preventiva, que propugna accións menos intrusivas sobre os elementos patrimoniais en prol de accións máis decisivas sobre os axentes externos causantes das afeccións.

O proxecto será realizado por Árbore (Arqueoloxía e Xestión), e ten como prazo máximo de execución até o vindeiro 30 de xuño de 2018.

Arquivado en