Culturgal, un aperitivo dos plans que ofrece o 'Nadal no Gaiás'

04 de decembro 2017

A directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, a pontevedresa Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou no Culturgal a programación de 'Nadal no Gaiás' e convidou as familias a gozar dunha completa oferta que inclúe exposicións, campamentos e espectáculos que xiran ao redor do mundo do circo

Presentación da programación 'Nadal no Gaiás' no Culturgal
Presentación da programación 'Nadal no Gaiás' no Culturgal / Diego Torrado
Ana Isabel Vázquez convida as familias a gozar dun 'Nadal no Gaiás' /

Este Nadal, un dos mellores plans está no Gaiás, en Santiago de Compostela, a tan só 40 minutos de Pontevedra. Así o mantivo este domingo a directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, durante a súa participación na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, o escaparate da cultura galega que esta fin de semana se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elixiu este punto de encontro do sector da cultura cos cidadáns para presentar a programación de 'Nadal no Gaiás' e Ana Isabel Vázquez convidou as familias a gozar dunha completa oferta que inclúe exposicións, campamentos e espectáculos que xiran ao redor do mundo do circo e que coincide coas vacacións escolares, de modo que ofrece actividades entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro.

Para dala a coñecer, nada mellor que un exemplo e este domingo os máis cativos da casa tiveron oportunidade de ver unha pequena demostración de espectáculo circense e de gozar eles mesmos da fantasía e a ilusión de ser protagonistas das actividades do circo cun pequeno obradoiro. 

O acto de presentación tamén permitiu aos pequenos presentes no Culturgal coñecer as curtas gañadoras do pasado Festival de Curtas Infantís 'Pequefilmes', que se proxectaron no Espazo Infantil Deleite do recinto da Feira das Industrias Culturais con moi boa acollida. Ana Isabel Vázquez deu a coñecer que está a piques de botar a andar unha nova edición desta cita cultural. 

A directora-xerente da Cidade da Cultura salientou a "completa oferta cultural" que se poderá atopar este Nadal no Gaiás, na que, ademais, se "irmanda entretemento e cultura para os máis cativos da casa e aposta por actividades que permiten conciliar ás familias no período non lectivo"

A programación botará a andar o 21 de decembro coa inauguración da mostra 'Fantasía de Nadal', que permitirá gozar nun mesmo espazo –o Museo Centro Gaiás– das escenografías máis impactantes dos circos de inverno, pertencentes a grandes espectáculos de creación propia da compañía galega 'La Fiesta Escénica' que teñen percorrido teatros e espazos de todo o mundo.

Esta exposición divídese en tres seccións: escenografías e personaxes de contos clásicos; pezas de grandes espectáculos creados para o Nadal; e elementos circenses que amosan elementos de acrobacias e máis disciplinas do mundo do circo. 

Aproveitando a maxia do circo que proporciona a exposición e que se trata, ademais, dun período de vacacións escolares, 'Nadal no Gaiás' ten programadas dúas quendas semanais (do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro) de campamentos infantís con esta temática con aulas de trapecio, malabares, equilibrio e clown. O obxecto é que nestes datas non lectivas os cativos teñan unha oferta cultural na que divertirse e as familias unha proposta á que optar para conciliar, con actividades que van de 10 a 14 horas e teñen un prezo de 15 euros por semana escollida.

'O campamento do circo' permitirán ao cativos achegarse ás escenografías do circo e aos espazos máis descoñecidos da mesma Cidade da Cultura, tanto arquitectónicos como zonas verdes e naturais, da man do departamento de didáctica do Museo Centro Gaiás.

A programación incluirá espectáculos que incidirán no universo circense:Ludo Circus Show, o día 22 de decembro, e a Gran Gala do Circo, que se celebrará o 4 de xaneiro de 2018. Este gran peche de festa contará cunha acción solidaria en colaboración coa Asociación de Iniciativa Social Berce e será o escenario elixido para entregar os premios aos gañadores do Concurso de Postais de Nadal, xa un clásico na programación da Cidade da Cultura para estas datas. 

 A entrada á exposición é de balde e as entradas para os campamentos e os espectáculos están á venda desde este luns 4 de decembro no Museo Centro Gaiás e a través da páxina web de www.Ataquilla.com

Todo o programa de 'Nadal no Gaiás' e as bases do Concurso de Postais de Nadal  poden consultarse en www.cidadedacultura.gal.

Arquivado en