Nesta edición do Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, estrearase unha novidade tecnolóxica que promete revolucionar a experiencia dos asistentes: as actividades silenciosas con cascos.
Esta iniciativa, pioneira en Galicia, pretende ofrecer unha experiencia máis íntima e participativa ao público que asista a algunhas das propostas no Recinto Feiral do Pazo da Cultura.
Camilo Franco, director do Culturgal, explica que esta novidade técnica ten como obxectivo mellorar a intimidade dos asistentes, permitindo que se sintan como se estivesen nunha sala pechada, sen necesidade de estar preto do escenario.
"As actividades silenciosas son unha proba que poñemos en marcha e pensamos que poden funcionar ben, queremos experimentar cos cascos para alonxar o ruído externo e ver se poden ser útiles", comenta Franco.
Os cascos estarán dispoñibles para actividades sen música, como presentacións de libros, e permitirán aos asistentes seguir os eventos desde unha distancia de ata 80 metros.
Ademais, esta innovación mellorará os coloquios posteriores ás presentacións, grazas a micrófonos para as preguntas do público adaptados ao novo sistema técnico.
Outra das novidades destacadas desta edición é a introdución de chalecos vibratorios para a comunidade xorda, garantindo así unha experiencia inclusiva para todas persoas asistentes durante as actividades sonoras.
Toda a programación de Culturgal está dispoñible nesta ligazón.