Culturgal pecha as súas portas ata o vindeiro 29 de novembro

Pontevedra
03 de decembro 2018

A edición número 11 da feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal, pechou este domingo as súas portas revalidando a resposta do público  noutros anos. En 14.500 persoas situou a organización a cifra provisional de visitantes

Culturgal 2018
Culturgal 2018

A edición número 11 da feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal, pechou este domingo as súas portas revalidando a resposta do público noutros anos. En 14.500 persoas situou a organización a cifra provisional de visitantes.

O que xa saben seguro é que Culturgal 2019 terá lugar os días 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro.

"É un balance moi positivo dos tres días, tanto na cantidade de visitas como na calidade da programación proposta. Ao redor de catorce mil cinconcentas persoas entraron no Pazo da Cultura de Pontevedra a gozar dunha programación que, entre actividades da feira e actividades dos stands sumou case duascentas propostas", sinala Xosé Aldea, director do Culturgal.

Unha das novidades foi a proposta de trasladar en autobús a Pontevedra ao público dende puntos como Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela. Ainda que non se encheron os autobuses, desde a organización da feira sinalan que a proposta chegou para ficar. 

"Esta é unha feira para todo o país que require iniciativas que redunden na idea e que faciliten a visita de todas as persoas que non residen en Pontevedra e a súa contorna. De feito, a maior parte dos usuarios dos autobuses este ano non coñecían o Culturgal, nunca estiveran nel", sinala Xosé Aldea.

Outra das propostas que se estrearon foi o espazo gastronómico con catro restaurantes e cun cartón prepago para abonar o gasto. Foi un grande éxito tanto no número de usuarios como na valoración da oferta.

Éxito de público tamén no retorno de Carlos Núñez a Pontevedra co concerto especial do sábado, co auditorio do Pazo da Cultura cheo para presenciar a xira "A irmandade dos celtas". Foi precisamente esa xornada a que máis visitas sumou ao cómputo total da feira, con preto das metade dos tres días, unhas 7.000.

Público moi diverso, grande protagonismo dos grupos familiares nunha décimo primeira edición que na última xornada entregou o Premio do Público Culturgal 2018 á Casa de Rosalía de Padrón e acolleu unha homenaxe no cabodano do pintor Manuel Moldes.

Por outra parte, Culturgal tamén foi este domingo o escenario do acto de entrega dos premios literarios convocados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

No caso do XXIV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, a gañadora foi Avelina Pérez con "Ás oito da tarde, cando morren as nais", e o X Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Paula Carballeira por "Somos monstros".

Arquivado en