A cita anual da cultura galega, Culturgal, celebra a súa décimo quinta edición neste 2022 baixo o lema '15 anos cos fíos da cultura'. Durante esta fin de semana, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle os profesionais que traballan na xestión cultural e aos seus públicos.
Culturgal é un lugar de encontro das empresas culturais que favorece e promove a cooperación e o apoio mutuo. Un espazo para poñer en contacto aartistas, creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Este evento único chega tamén a diferentes públicos, a través de actividades diversas que demostran o interese pola cultura e a importancia da mesma como sector estratéxico.
A feira cultural é un modelo de colaboración público-privada, que conta co principal patrocinio institucional estable por parte da Xunta de Galicia.
A Administración galega tamén contribúe activamente ao deseño do seu programa de presentacións e espectáculos, con máis dunha trintena de citas, como faladoiros, obradoiros, espectáculos e presentacións, promovidas directamente pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, á que este ano se une tamén a Consellería de Política Social e Xuventude. Así mesmo, participa cun stand renovado desde o que se ofrecen obradoiros para os nenos e nenas e distintas actuacións escénicas de pequeno formato.
Tras a pandemia, esta é unha edición na que o evento xa non está condicionado polas medidas sanitarias que marcaron os últimos dous anos. A feira da cultura mira máis ca nunca os artistas e creadores como profesionais e aos espectadores como consumidores, no comezo dunha viraxe clara cara á vertente de negocio do sector, un factor crucial que ten que ter a Culturgal como socio prioritario.
Tamén se ten en conta nesta ocasión un terceiro factor moi relevante, que incide directamente no apartado de contratación de espectáculos. Son os mediadores, é dicir, programadores culturais de entidades locais, festivais ou circuítos de distribución. A eles vai dirixida especificamente a xornada adicional que este ano estreaba a feira o pasado xoves 24, no que durante toda a xornada houbo un encontro de roldas de negocio entre, dunha banda, representantes das empresas culturais de escena e de música e, doutra, máis dunha vintena de programadores de Galicia e do norte de Portugal con capacidade de contratación.
Dende a Xunta de Galicia destácase esta actividade como "crucial no marco de Culturgal" e o seu apoio directo a través da organización por parte das asociacións Escena Galega e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais). Este encontro serviu para dinamizar a compra-venda de montaxes escénicas e concertos para todo o primeiro semestre de 2023.
PROGRAMACIÓN
Entre as citas que se propoñen directamente á cidadanía e aos profesionais que sigan Culturgal, como xa se reflicte na programación oficial da feira, figura unha decena de presentacións sobre os logros xa acadados ou produtos que son resultado concreto de diversas iniciativas xa en marcha: libros, certames, exposicións, proxectos de difusión ou plans para o sector, entre outros.
Un adianto do Plan Integral para a Danza de Galicia, o programa expositivo e de residencias artísticas da Cidade da Cultura, as accións de internacionalización do Centro Dramático Galego, a colección Lectura Fácil con Galaxia ou as novas ferramentas dixitais de Arri[t]mar para a poesía galega e portuguesa son só algunhas delas.
Toda esta oferta sen esquecer a parte máis lúdica que suma Culturgal á oferta cultural e de lecer, xa que a Xunta, en alianza con AGEM, tamén posibilita o concerto da tarde do sábado 26, coas actuacións de Antía Muíño, Berto, Néboa e Grande Amore.
Do mesmo xeito, o programa ‘TeCe Redes en galego’, financiado a través do fondo Xacobeo de proxectos culturais Xacobeo 21-22, achega a Culturgal as actuacións de Baobab Teatro, Ukestra do Medio, Elefante Elegante, Talía, Migallas, Magín Blanco, Capicúa 360, Brazolinda e Esther Carrodeguas coa súa proposta ‘Rapeando’.
Nesta 15º edición, e fóra das presentacións situadas no Espazo Profesional, son máis de 90 as accións que terán lugar ata o domingo 27, arredor de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte. Ao tempo, poderanse visitar máis dun cento de stands do recinto feiral e do Espazo Arte coa presenza de institucións e empresas dos diferentes sectores representados.
Culturgal 2022 conta tamén con área gastronómica e servizo de lingua de signos con solicitude previa.