Culturgal encara a súa segunda década visibilizando "a boa saúde do sector cultural" de Galicia

Pontevedra
23 de novembro 2018

Un servizo de autobuses desde as principais cidades de Galicia, billeteira electrónica e un novo espazo gastronómico con food trucks completarán este ano os xa de por si completos atractivos da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que encherá o Pazo da Cultura de Pontevedra con máis de 120 actividades  

Presentación de Culturgal 2018
Presentación de Culturgal 2018 / Mónica Patxot

Un servizo de autobuses desde as principais cidades de Galicia, billeteira electrónica e un novo espazo gastronómico con food trucks completarán este ano os xa de por si completos atractivos da Feira das Industrias Culturais de Galicia, o Culturgal. Os organizadores e principais patrocinadores do evento presentaron este venres a nova edición, que terá esas tres novidades e citará no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de 120 actividades e máis de 80 entidades repartidas en máis dun cento de stands.

A feira chega este ano á súa undécima edición ou, como sostén o presidente de Culturgal, Víctor López, "a primeira edición dunha nova década", na que este evento que chega a Pontevedra entre o 30 de novembro e o 1 de decembro seguirá sendo "o Culturgal de todos os galegos" que desde Pontevedra amosa ao mundo a boa saúde da cultura galega

López presentou esta nova edición, que leva por lema 'Ti levas o compás', acompañado polo director da feira, Xosé Aldea; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; e o director da Agadic Jacobo Sutil.

Segundo deu a coñecer Aldea, a edición deste 2018 quere insistir aínda máis do habitual en darlle importancia ao público como motor da feira. Por iso é polo que se preparou un servizo de autobuses desde Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e A Coruña para facilitar os desprazamentos aos incondicionais que se desprazan desde distintos puntos do territorio galego para acudir á cita coa cultura propia. 

Esta nova edición avanza no proceso de dixitalización e tamén permitirá o pago con medios electrónicos en distintos puntos do evento como o espazo gastronómico que, recollendo o éxito que adoita ter esta oferta nos festivais de música, reforza a oferta de comida dispoñible cos food trucks cun modelo gastronómico con máis variedade, local e ecolóxica.

Ao igual que nos anos anteriores, haberá programación simultánea en catro espazos distintos e repítese o espazo centrado na arte contemporánea que se inaugurou na edición 2017. Ademais, esta edición será espello da intensa e produción cultural liderada por mulleres para "dar visibilidade ao feminino na cultura galega". 

O libro será un dos eixos centrais da feira, coa participación dos grandes nomes da escrita en Galicia. Non faltarán Manolo Rivas, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Eli Ríos, María Reimóndez, Xose Duncan, Francisco Castro, Yolanda Castaño, Manuel Esteban ou Iolanda Zúñiga.

Ademais, este ano haberá catro espectáculos especiais. O venres 30 será o turno da preestrea de' Sofía e as Postsocráticas', de Inversa Teatro; o sábado 1 tocaralle a un concerto de Carlos Núñez, que leva anos sen actuar en Pontevedra; e o domingo será a quenda do público familiar, con dous espectáculos infantís:  'O Viravai' con 'Paio e o poder da música' e Xoán Curiel e A Banda do Verán con 'A Casa do Terror'. 

Xosé Aldea explicou que o venres será o día coa programación máis centrada no público profesional, de modo que todas as persoas que teñan relación profesioanlc oa cultura galega o día 30 de novembro teñen unha cita en Pontevedra. Acollerá as xornadas profesionais de Escena Galega, a convocatoria de proxectos do Xacobeo 2021, o balance de resultados de Fest Galicia, asembleas de Agapi e Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou a presentación de servizos tecnolóxicos para festivais por parte da empresa Play Plan.

Jacobo Sutil destacou que esta feira, para a que a Xunta incrementou este ano a súa achega e destina 65.000 euros, é un proxecto que permite tomarlle a medida á "boa saúde do sector cultural" galego; mentres que Xosé Leal incidiu na importancia da música no evento, que a Deputación vai aproveitar para presentar Musical; e Carmen Fouces definiu a feira como "o black friday da cultura galega".

Arquivado en