Culturgal despide a súa edición de 2023 con máis de 10.000 visitantes

Pontevedra
04 de decembro 2023

A Feira das Culturas Galegas recupera o pulso situándose en cifras que superan ás do ano 2021, e faio tras abrir en palabras da organización "unha época distinta" na que aspira a seguir expandíndose

Segunda xornada do Culturgal 2023 no Recinto Feiral
Segunda xornada do Culturgal 2023 no Recinto Feiral / Cristina Saiz

Tres días de intensa actividade cultural e como avance do que o sector ofrecerá durante o próximo ano. A Feira das Culturas Galegas, Culturgal, despediu con satisfacción a súa edición de 2023.

Segundo as cifras que manexa a organización durante as tres xornadas pasaron polo Recinto Feiral de Pontevedra máis de 10.000 persoas, recuperándose o evento da baixada do pasado ano e supeando os números de 2021.

No Culturgal 2023 programáronse máis de 200 actividades, entre a oferta xeral e a dos propios expositores, conseguindo atraer a un público moi diverso.

Ademais, sinalan desde a Feira, conseguiuse cambiar a dinámica dos últimos anos "tanto na súa filosofía como na relación co público, inaugurando unha época distinta", na que aspiran a seguir expandíndose.

Entre as citas destacadas da última xornada do evento o cinema ocupou un papel destacado coa exhibición da película 'O Corno', gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián, cun coloquio posterior coa directora Jaione Camborda e Anna Palazón, e tamén coa proxección de 'Matria' con outra charla posterior á que asistiu o seu director e recentemente nomeado ao Goya, Álvaro Gago.