Culturgal celebrará do 24 ao 27 de novembro os seus 15 anos cos fíos da cultura

Pontevedra
28 de setembro 2022

A edición deste 2022 será a primeira dirixida por Eva Alonso e, entre as novidades anunciadas, figura a creación de dous espazos diferenciados no Recinto Feiral: un destinado á venda directa de produtos culturais e outro destinado a profesionais da industria cultural. Os prezos seguirán sendo populares pero experimentarán unha lixeira suba respecto á feira de 2021

Presentación do Culturgal 2022
Presentación do Culturgal 2022

O Recinto Feiral volverá converterse a finais de novembro no punto de referencia para a cultura de Galicia. Desde o xoves 24 ata o domingo 27, Culturgal celebrará os seus quince anos de existenciacunha programación de actividades e coa presenza de postos de venda e expositores das distintas modalidades artísticas e creativas que actualmente se desenvolven por parte das industrias e organismos galegos. O lema desta edición é '15 anos cos fíos da cultura' e o cartel foi realizado pola artista Isa Vila.

Este mércores 28, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollía a presentación desta edición coa presenza de, entre outros representantes, Victor López como presidente de Culturgal e Eva Alonso, nova directora da feira; Victoria Alonso, deputada provincial de Cultura e Igualdade; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.

Entre as principais novidades deste ano figura unha nova disposición espacial dos postos de exposición. Nunha zona instalaranse os postos de venda directa, mentres que noutro espazo ofreceranse propostas destinados a un público máis profesionalizado, aínda que todas as persoas que accedan ao Recinto Feiral poida realizar todo o percorrido, explicou Eva Alonso.

O 100% das casetas de venda directa ao público xa foron reservadas e o 85% do total de postos que se instalarán nos 834 metros cadrados do recinto. Eva Alonso defendeu a novidade de sumar unha xornada máis, a do 24 de novembro, destinada aos profesionais. O espazo seleccionado para estes axentes profesionais será o primeiro piso do Recinto Feiral con actividades para os axentes do sector, unha zona de networking para encontros, negociación e debates na que se está traballando coas asociacións do sector para completar a programación de actividades.

O venres 25, ás 11.00 horas, abriranse as portas para público xeral. Este ano, a programación que aínda se está pechando, buscará un maior equilibrio entre as diferentes disciplinas con teatro adulto e familiar; música en vivo; mostra de cinema e audiovisuais; creacións artísticas contemporáneas; sen deixar de ser a cita referente do libro galego, segundo explicou a nova directora. Nos escenarios dos Espazos Libro, Infantil e Arte desenvolveranse mostras, demostracións de novos proxectos, actuacións e quen queira presentar algunha proposta ten aberto o prazo ata o 16 de outubro para trasladar o seu interese á organización a través da web de Culturgal.

Realizarase unha exposición sobre o 15 aniversario desta cita cultural con elementos gráficos, editoriais e audiovisuais, que se manterá aberta na sala de exposicións do Pazo durante o evento. O domingo 27 de novembro tamén se celebrará un acto conmemorativo.

A deputada Vitoria Alonso realizou unha invitación ao público para que asista a esta cita na que se concentra toda a cultura de Galicia ao longo dunha fin de semana. Pola súa banda, Jacobo Sutil, director de Agadic, lembrou que a Xunta de Galicia é a principal patrocinadora deste evento e resaltou a unión do sector profesional nun momento de oportunidades para as industrias culturais unha vez que se eliminan as restricións motivadas pola pandemia e tamén grazas ás axudas económicas europeas.

ORZAMENTO INSUFICIENTE CARA AO FUTURO

Por último, a concelleira de Cultura Carme Fouces fixo un chamamento a que senten as bases para consolidar unha "gran feira cultural" de cara ao futuro cun incremento de recursos para este evento porque "de ilusións non se fan as grandes feiras", apuntou. Neste mesmo sentido, o presidente de Culturgal, Víctor López, sinalou que o orzamento apenas supera os 100.000 euros, cantidade insuficiente "para profesionalizar unha feira e ter outros 15 anos de Culturgal".

Este ano, por normativa, non poden contar coa axuda de 30.000 euros do Ministerio de Cultura e a achega dun novo patrocinador, a Deputación da Coruña, non chega a esa cifra, expoñía López reclamando máis investimentos por parte das distintas entidades para manter unha Feira das Industrias Culturais que, segundo expuxo, conta cun amplo traballo altruísta por parte das asociacións e colaboradores. "Iso está moi ben, pero esta non pode ser a forma de traballar", advertiu para garantir o futuro deste evento.

Este ano, os prezos de acceso ao Culturgal no Recinto Feiral aumentan lixeiramente. A entrada por día será de catro euros e os menores de máis de tres anos deberán pagar tres euros. Tamén se establecerán ofertas familiares especiais para asistir aos diferentes espectáculos, segundo manifestou a directora Eva Alonso, que lembrou que os prezos seguen sendo "populares".

Arquivado en