Culturgal celebrará o trinta aniversario do Bravú coa proxección dun documental e un concerto

Pontevedra
14 de novembro 2024
Actualizado: 14:22

O grupo xuvenil pontevedrés Rager, que forma parte do proxecto de Xeración Sónica, interpretará en vivo xunto á Orquestra Xangai o coñecido tema "Estou na lavadora", do Xabarín Club.

Presentación do aniversario do movemento Bravú
Presentación do aniversario do movemento Bravú / Mónica Patxot

O venres 29 de novembro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura celebrarase o trinta aniversario do movemento Bravú coa proxección dun documental e o concerto da Orquestra Bravú Xangai.

O grupo xuvenil pontevedrés Rager, que forma parte do proxecto de Xeración Sónica, interpretará en vivo xunto á Orquestra o coñecido tema "Estou na lavadora", do Xabarín Club.

Este espectáculo está incluído na entrada do Culturgal.

O Concello de Pontevedra acolleu este xoves a presentación deste espectáculo aniversario nunha rolda de prensa a cargo do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; Xurxo Souto, cantante e escritor; Camilo Franco, director do Culturgal; Gonzalo Maceira, responsable do proxecto Xeración Sónica e Ana Viqueira, de Nós Televisión.

A audiovisual conta a historia do movemento Bravú nado nos anos 90 en Galicia como unha reivindicación cultural e musical, apostando por letras en galego e mesturando o rock coas tradicións rurais e a realidade urbana.

Formaban parte do "bravú" os Diplomáticos de Monte Alto, Os Rastreros, Os Impresentables, Os Herdeiros da Cruse O Caimán do Río Tea, entre outras bandas. "Hai unha xeración que non se pode entender sen o Movimento Bravú", asegurou Ana Viqueira, guionista e codirectora do documental.

Xurxo Souto referiuse ao concerto que a Orquestra Bravú Xangai vai ofrecer "en Punquivedra" sinalando que "será un espectáculo único e irrepetible" mesmo "subversivo" xa que "músicos veteranos dialogan no mesmo espectáculo con rapazas de 15 anos".

Pola súa banda, Gonzalo Maceira destacou que "para nós é unha sorte poder participar neste súper proxectazo". Tamén lembrou que Xeración Sónica é unha iniciativa de "formación en cultura" da que forman parte as mozas do grupo Rager que "están súper ilusionadas".

Tamén dixo estar "orgulloso" Camilo Franco. Segundo apuntou, "o Culturgal é unha plataforma na que pasan cousas que non poden volver suceder e que non ocorreron antes".

"É xustamente a filosofía do Culturgal: feito desde aquí, feito por nós e feito para todo o mundo", concluíu.