Culturgal acollerá a preestrea de Eroski Paraíso

Pontevedra
21 de novembro 2019

A proxección terá lugar o próximo 30 de novembro ás 19.00 horas no Pazo da Cultura e contará con parte do equipo do filme. A película, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, e protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias, estrearase en cines o próximo 13 de decembro

Fotograma do filme "Eroski Paraíso"
Fotograma do filme "Eroski Paraíso" / Eroski Paraíso

Despois do seu éxito como obra teatral, Eroski Paraíso dá o salto á gran pantalla da man dos directores Jorge Coira e Xesús Ron. O filme, unha produción de Chévere e Ollo Vivo, poderá verse na Culturgal en Pontevedra o 30 de novembro enmarcada na programación audiovisual da feira, antes da súa estrea nos cines o próximo 13 de decembro.

Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski.

O filme é o retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España.

EROSKI PARAÍSO, A PELÍCULA

Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois  dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron deciden converter en longametraxe.

O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena.

Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski. Un feito que, cambiando os nomes, se repetiu en infinidade de lugares de España onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización se volveron espazos de consumo.

Esta é tamén unha historia de desarraigo: a historia de alguén que non parou en ningún sitio para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivese estado parada no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor.