"Cultura cos pés na terra", está é a programación cultural para 2023 da Deputación

Pontevedra
27 de novembro 2022

A Deputación de Pontevedra celebrará un 2023 de "Cultura cos pés na terra". A institución escolleu este lema para a súa programación cultural do vindeiro ano, que foi presentada este sábado no marco da feira Culturgal pola presidenta Carmela Silva, xunto a deputada de Cultura, Victoria Alonso.

A Deputación presentou en Culturgal "Cultura cos pés na terra" a súa programación cultural para 2023
A Deputación presentou en Culturgal "Cultura cos pés na terra" a súa programación cultural para 2023 / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra celebrará un 2023 de "Cultura cos pés na terra". A institución escolleu este lema para a súa programación cultural do vindeiro ano, que foi presentada este sábado no marco da feira Culturgal pola presidenta Carmela Silva, xunto a deputada de Cultura, Victoria Alonso.

O acto contou con dúas intervencións musicais e poéticas a cargo da poeta Silvia Penas e as músicas Alba Barreiro (arpa) e Jimena Andión (cello).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, debullou as múltiples actividades levadas a cabo este ano, avanzou as de 2023, e asegurou que "'Cultura cos pés na terra' aposta polo territorio e pola proximidade con programas e proxectos que intentan rachar estigmas e achegar a cultura a todas e todos, desde numerosas disciplinas e sempre en aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como a sostibilidade, a accesibilidade e a inclusión, ademais da igualdade".

PROGRAMACIÓN

A Deputación seguirá en 2023 a apoiar á música galega con programas como o "Musigal", con numerosos concertos que chegan a todo o territorio. "Música no Ar" para poñer en valor a música clásica, o patrimonio e novos públicos; así como a ópera contemporánea "Papagena", de pequeno formato e feminista. Forte volve a ser a aposta polos "Rías Baixas Fest", que espallan pola provincia a mellor música así como experiencias inesquecibles para os públicos.

No audiovisual a Deputación impulsará aínda máis os "Rías Baixas Film Fest", ou os patrocinios "Pontevedra Plató de Cinema" ás rodaxes na provincia. Os premios "Mulleres no Foco", terán á súa terceira edición para premiar as mulleres cineastas da man de CIMA. Este ano tamén chegou "Cinema Mulleres" con cinema feminista galego e arxentino no Museo MARCO, ou a "Pontevedra Provincia Film Commission", xa integrada na rede da Spain Film Commission.

Ademais, comezou "Conecta LAB", un laboratorio creativo cunha residencia na Illa de San Simón e financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España.

a Deputación colaboracoas entidades culturais da provincia. Neste senso, o "Pontegal" ou as axudas ás actividades culturais e o apoio a festivais de música e artes escénicas permiten ao tecido asociativo construír patrimonio cultural. Ademais, as axudas ás escolas de música son fundamentais para garantir o acceso á formación cultural nunha provincia con talento creativo e canteira.

A aposta pola danza e polo teatro volverá con "Tornar ás táboas" e "Bailando a terra", con funcións de teatro profesional, grupos profesionais de danza e tamén escolas de baile.

O patrimonio tamén xoga un papel fundamental na programación. "Tras as ameas" nos castelos de Soutomaior e Sobroso con maxia, circo, música, danza e teatro que atraen centos de familias. "Historias Cavadas" achegando ao público aos castros musealizados con visitas escenificadas e as "Rutas de Arquitectura", en colaboración coa Academia Galega de Belas Artes.

En canto á escrita, a Deputación segue cada vez máis forte coa "Escola de letras" nada en 2022 coa Editorial Galaxia, unha experiencia que conseguiu ter presenza na Feira Internacional do Libro de Frankfurt. Cos "Roteiros Literarios" o público percorre recunchos da provincia escenarios de novela da man de escritoras e escritores.

Amais, a Deputación avanzará con novos pasos do "Manifesto de Soutomaior" coas mulleres da escrita para rachar coa desigualdade no mundo literario.

Na programación cultural tamén hai espazo para a arte contemporánea. A Deputación puxo en valor programas como "Depocrea", o programa de residencias artísticas no Náutico de San Vicente moi achegado ao territorio. Tamén "Mulleres Extramuros", a transformación da sede de Vigo nun espazo dinámico e expositivo coas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo e exposicións itinerantes ou ‘Cines de Pontevedra’, que se porá en circulación pola provincia en 2023.

Ademais, a Deputación tamén apoia importantes entidades culturais como son o MARCO, a Fundación Laxeiro, o Museo do Pobo Galego, a asociación Ponte nas Ondas, a Fundación Penzol, a UNED, a Universidade de Vigo, a Academia Galega do Audiovisual coa organización dos Premios Mari Luz Morales ou Músicas ao Vivo con apoio aos Premios Martín Códax da Música, onde este ano o programa "Descúbreas" obtivo o premio ao mellor espazo de comunicación. No 2023 teremos unha nova edición de "Descúbreas" en colaboración con Regalamúsica para democratizar o acceso á formación cultural e á profesionalización das rapazas da provincia á industria musical.

 

Arquivado en