Este venres 14 de marzo o Centro Cultural de Santa María de Xeve acolleu unha interesante posta en escena da obra de tres talentosos fotógrafos pontevedreses naturais da parroquia pontevedresa.
Cristina Saiz, xornalista gráfica que traballa en PontevedraViva; Miguel Vidal e Manuel Hermida mantiveron un encontro cun numeroso público ao que ofreceron detalles sobre a súa actividade profesional e, ao mesmo tempo, a súa afección desde hai anos vencellada á cámara.
Os tres explicaron como a través dos seus obxectivos buscan achegar a arte da fotografía ao medio rural, captando momentos e paisaxes que falan da identidade e esencia propia.
A charla baixo o título 'Visuals. Tres de Xeve' centrouse nas súas experiencias e a súa paixón arredor da imaxe e sobre a súa idea de dinamizar o panorama cultural no rural.
Non só se puido gozar das súas interesantes obras, senón que tamén tiveron un coloquio aberto onde compartiron as súas experiencias e procesos creativos, invitando a todos os asistentes e amantes da fotografía a participar e intercambiar impresións.
O evento foi organizado polo colectivo SondeXeve.
