Este sábado 14 de maio ás 20.30 horas no Centro Sociocultural Sobrino Buhigas, a Coral Polifónica de Campo Lameiro conmemora os seus 25 anos de existencia coa posta en escena dun espectáculo musical con motivo da celebración das Letras Galegas.
A montaxe leva por título 'Cousas de antes' e a coral contará coa participación do Grupo Cantalúa e a Banda de Gaitas Foula. Será o primeiro achegamento á música folclórica galega por parte desta agrupación que xa contaba no seu repertorio con outras pezas en lingua galega, pero nunca presentara un espectáculo destas características.
O Grupo Cantalúa, formada por intérpretes infantís, participará en varias escenas achegando coreografías musicais mentres que o ritmo tradicional chegará a través de Foula. 'Cousas de antes' ofrece unha recreación de momentos do pasado en forma de pezas instrumentais, partes teatrais, outras cantadas e sempre en clave de humor.
A cada escena, que conta con escenografías e vestiario para reflectir as distintas épocas, vai seguirlle unha canción e o público terá oportunidade de escoitar regueifas, cantos de oficios, desafíos e cantigas de traballo, con ritmos de pandeirada, muiñeira e xota.
Este espectáculo que se atopa apoiado polo Concello de Campo Lameiro e a Deputación de Pontevedra tamén quere unir lazos entre a veciñanza de idades máis avanzadas e a mocidade do municipio establecendo unha conexión a través da lingua e o folclore propio de Galicia.